Zas recibe o Nadal cun completo programa de actividades para toda a veciñanza

12/09/2023

 

No Concello de Zas xa temos todo preparado para recibir as festas do Nadal e desfrutar da maxia e da ilusión propia destas datas. E para iso preparamos un completo programa con actividades diferentes para toda a veciñanza que se suma ao alumeado festivo que xa loce polas nosas rúas. 

Teatro para adultos, contacontos infantís, obradoiros, os campamentos de nadal, a vista de Papá Noel, a Cabalgata dos Reis Magos son algunhas das propostas deste Nadal que se suman a unha gran festa de pre fin de ano que celebraremos o día 30.

Para a rapazada

  • A programación de Nadal do Concello de Zas arranca este venres, día 15, coa función escolar “A maxia do Mago Teto” que levaremos ao Auditorio de Zas (10:00 horas) e ao Auditorio de Baio (12:30 horas). 
  • O teatro, o humor e a música mistúranse no espectáculo familiar “Molto Barroco” que nos traerá ao Auditorio de Baio a compañía Píscore o sábado 16 de decembro, ás 18:30 horas.
  • Os ratiños de Lonxedetodo tamén nos farán unha visita este Nadal. Estarán con nós dos días 18 (en Baio) e o 19 (en Zas) para facernos unha sesión de contacontos infantil que, nesta ocasión, leva por título “Cueiros de cores”. Será ás 18:00 horas.
  • O sábado 23 recibimos a visita de Papa Noel que virá acompañado de Cé Orquesta Pantasma. E faremos dúas sesións; unha ás 12:00 horas no Centro Sociocultural de Zas e outra ás 17:00 horas na Praza Jorge Mira, de Baio. 
  • A rapazada tamén poderá participar no obradoiro “Nadal nas Torres” que realizaremos os días 16 e 17 de decembro nas Torres do Allo a partir das 16:00 horas.
  • E coma sempre, tamén teremos os campamentos “Zas Nadal” cos que facilitamos a conciliación laboral das nosas familias. Haberá dúas quendas; unha do 26 ao 29 de decembro no Centro Sociocultural de Baio (de 16:00 a 19:00 horas) e outra do 2 ao 5 de xaneiro no Centro Sociocultural de Zas (de 10:00 a 13:00 horas).
  • Unha das grandes novidades da programación de Nadal deste ano é a festa infantíl de Pre Fin de Ano que celebraremos o sábado 30 de decembro. Recibiremos a visita do carteiro real, soarán as badaladas de Fin de Ano e haberá moita música con Pakolas. Haberá dúas sesións, unha ás 11:00 horas no Centro Sociocultural de Zas e outra ás 17:00 horas na Praza Jorge Mira Pérez de Baio. 

Para o público adulto

  • O sábado 16 de decembro, presentamos no Auditorio de Baio ás 18:00 horas a web sobre Enrique Labarta Pose na que se recolle unha boa parte da vida e obra deste ilustre veciño.
  • Sen Tempo Teatro, da Escola de Teatro para Adultos do Concello de Zas, representará o día 23, ás 20:00 horas, a comedia “Por riba de nós” no Auditorio de Zas.
  • A compañía Badius Teatro representará o sábado 30, as 20:00 horas, a súa obra de teatro “A Peregrinaxe” no Auditorio de Zas.
  • Concerto Pre Fin de Ano. Para o público adulto tamén haberá unha festa de Pre Fin de Ano que celebraremos coa música que nos traerán “Los Jinetes del Trópico. Será o sábado 30 de decembro, a partir das 22:30 horas, na Praza Jorge Mira Pérez de Baio.
  • “Modelaxe de Nadal” é o nome do obradoiro para adultos que realizaremos os días 16 e 23 no Centro Sociocultural de Zas pola tarde. 

Cabalgata de Reis

E coma sempre, a programación de Nadal péchase coa tradicional Cabalgata de Reis que, un ano máis, percorrerá o noso municipio os días 4 e 5 de xaneiro. Acompañados dos seus paxes, as SS. MM. Os Reis Magos levarán a súa maxia aos case cen núcleos de poboación do noso municipio e repartirán uns agasallos entre todos os veciños e veciñas que se acheguen a visitalos. 

A súa visita rematará o día 5 cun percorrido especial que farán polas rúas de Zas e de Baio. A partir das 18:00 horas, Melchor, Gaspar e Baltasar farán unha Recepción Real no praza Jorge Mira Pérez. E tamén teremos a actuación do Mago Paco e repartiremos chocolate con churros. E en Zas, a Recepción Real será a partir das 18:30 horas e despois actuará o Mago Noel e tamén haberá chocolate con churros para todos e todas.

Todas as actividades son gratuítas e para asisitir aos obradoiros ou aos campamentos é necesario anotarse previamente no Centro Sociocultural de Zas ou no de Baio ou a través dos seguintes números de teléfono: 981 751 398 / 981 718 056.