Muíño
Muíño (San Tirso) (+info ampliada) (Actualiz. 20/01/2017)
POBOACIÓN (2016)
- As Abellas 56
- Campos 29
- O Couto 46
- A Churía 6
- A Fonte Espiño 35
- Marán 35
- Pedra Padreiro 26
- A Santa 3
- A Toxa 10
- O Vilar 17
- Total: 263 persoas
San Tirso de Muíño, parroquia cuxo topónimo procede do latín molinum ´muíño´, intégrana os seguintes lugares: As Abellas, Campos, O Couto, A Churía, A Fonte Espiño, Marán, Pedra Padreiro, A Piosa, A Santa, A Toxa e o Vilar e contaba con 263 habitantes no ano 2016. A súa altitude máxima está no outeiro da capela de Santa Margarida (346 m.)
A igrexa parroquial de San Tirso de Muíño presenta a clásica fachada pentagonal, de cantería e lisa, rematada na parte central por unha sinxela espadana, construída seguramente no séc. XIX. Porén, todo o resto do templo responde ás características arquitectónicas do séc. XVIII e en cuxo interior se adosou un artístico escudo de pedra, cuartelado en cruz e tallado nunha soa pedra, coroado por un casco ou helmo afrontado. Nos cuarteis aprécianse as armas dos Pazos, Figueroa e Moscoso.
A ermida de Santa Margarida é de mediados do séc. XVIII e o seu retablo é de estilo neoclásico (fins séc. XVIII – principios séc. XIX) aínda que este santuario xa existía con anterioridade ao séc. XVIII: disque aquí xa había unha romaxe por 1.670.
Cabe salientar tamén a existencia nesta parroquia dunha parte do que noutro tempo foi a Torre do Couto ou de Muíño, lugar de residencia da estirpe fidalga dos Ozores, antigos donos do couto de Muíño.
O cruceiro do Couto chama a atención porque se atopa no interior dunha rotonda ovada, axardinada, ben protexido por unha reixa de ferro e malia que as súas figuras están moi erosionadas, consideramos que se trata dunha obra barroca do séc. XVIII.
A arca da Piosa é outro dos monumentos megalíticos de máis sona de toda Galicia, pertencente á área Soneira-Xallas, de exemplares tan recoñecidos como as antas de Dombate, de Pedra Cuberta, Pedra da Arca de Regoelle, a Mina da Parxubeira, etc. xa era coñecida a finais do séc. XIX polos nosos historiadores e arqueólogos. Foi outro dos monumentos que inspirou a Eduardo Pondal:
“Arca antiga da Pïosa,
o vento que é triste oir
funga nas esquivas uces,
que están ó redor de ti;
e pasa entre elas bruando
con dorido xemir:
debaixo das túas antes
está o valente Brandomil.
(…)
… O valente Brandomil
saído da xentil e boa raza
dos celtas, repousa aquí”
(Eduardo Pondal.-Queixumes dos pinos; 1886)
FESTAS:
- 28 de xaneiro, festa do patrón San Tirso
- 29 de xaneiro, festa de San Xosé
- 30 de maio, festa do Corpiño, festa de ofrendas e de abundantes exvotos de cera e ten habido merendas arredor da igrexa parroquial
- 25 de xullo, festa das Dores
- 26 de xullo, romaxe de Santa Margarida
- 28 de agosto, festa do Sacramento