Loroño
Loroño (+info ampliada) Actualiz. 17/07/2017
POBOACIÓN (2016)
- Arcar 2
- Baizana 55
- Bouzarroma 6
- Forcadenla 11
- Loroño 2
- Romelle 81
- A Vicenta 25
- Total: 182 persoas
A parroquia de Santiago de Loroño está composta polos núcleos ou aldeas de Arcar, Baizana, Bouzarroma, Forcadenla, Loroño, Romelle e A Vicenta e a súa superficie rolda os 6 km2.
A súa forma parece lembrar á dun triángulo e linda coas parroquias de Vilar (N), Santa Sía de Roma e San Martiño de Meanos (S), Santo Adrián do Castro (E e SE) e Treos (Vimianzo, O). Case todos os seus lindes, agás polo N, coinciden con cursos de auga.
Parroquia eminentemente chá na que destacan tan só dous pequenos outeiros situados nos seus extremos S: Monte do Peón (356 m) e N: (A Pena (272 m). Polo seu relevo estaría toda ela dentro do coñecido Val de Soneira. A súa altitude media estaría polos 250 m.
Non ten ríos nin regatos no seu interior aínda que a maioría do seu territorio vén delimitado por eles: o Torrente entre Loroño e San Martiño, Santa Sía e Treos e o pequeno rego de Berbia, con Santo Adrián.
A súa xeoloxía estanos a indicar que formaría parte da Fosa Blastomilonítica ou Complexo de Noia, con bandas orientadas de N a S, restos do pregamento herciniano.
No tocante á súa evolución demográfica vai parella á das parroquias do resto do concello e así contaba con 17 veciños en 1607; 41 vec. en 1753; 277 hab. en 1887; 347 hab. (1930), 446 hab. (1970); 262 hab. (2000) ou 182 (2016). Perdeu o 28,9% da súa poboación nos anos que van deste século.
En canto ós seus topónimos conta con dúas auténticas rarezas como o propio nome da parroquia que é único non só en Galicia senón tamén en toda España. O outro, tamén moi pouco frecuente, é Baizana, en ambos casos é moi difícil saber a súa orixe. Máis fácil é supoñer cal sería a dos demais topónimos, seguindo as normas da evolución da gramática histórica.
A igrexa parroquial, que externamente non amosa excesivo interese a non ser un Santiago cabaleiro que brande unha espada ameazando a un mouro caído no chan, garda no seu interior tres retablos moi interesantes.
O maior é de estilo neoclásico, de finais do século XVIII. Na capela norte temos o magnífico retablo da Virxe do Socorro, de estilo barroco, dos denominados de marquetería ou de estípites; trátase dun retablo de grande calidade, dos mellores da comarca. No ático hai un bonito relevo da Anunciación, e ocupa o panel central unha imaxe da Virxe do Socorro –á que lle cambiaron o xeito de agarrar o pau da man dereita, na última restauración- e os relevos de san Xoán Bautista e de san Xosé.
Na capela sur contemplemos o retablo das Ánimas, de estilo barroco-rococó, que ten na súa parte central o relevo de san Francisco sacando as ánimas do Purgatorio. A cadanseu lado sitúanse un san Roque e un santo Antonio de Padua.
Dentro do territorio parroquial cómpre salientar o pazo de Romelle, un dos mellores conxuntos pacegos de toda a Costa da Morte. Propiedade, en orixe, dos Caamaño (liñaxe procedente da parte de Noia) chegaron a estar emparentados, entre outros, cos condes de Altamira e cos condes de Maceda, polo que nalgún momento tiveron a dignidade de Grandes de España e mesmo foron benfeitores do santuario da Barca, de Muxía.
Non debemos esquecernos do cruceiro que hai preto da entrada do pazo, que destaca especialmente polo seu longo varal ou fuste e mais pola súa plataforma triangular.
Tras un repaso da parroquia nos textos históricos desde o ano 1607, remátase narrando brevemente a historia do Calor Hermandad Deportiva, club de fútbol non federado fundado en 1968 polo daquela párroco de Santo Adrián do Castro e de Loroño, Xosé M. Cundíns; contra 1969 e 1970 este club organizara partidos de fútbol e actividades culturais nada habituais na comarca. Tamén se fala da celebración dos 40 anos destas actividades nos anos 2009 e 2010.
FESTAS:
- Segundo domingo de maio, Santo Antonio
- O día da Ascensión, a Virxe do Socorro sae en procesión deica á igrexa de Santo Adrián, pois alí celébrase esa festa, regresando para Loroño o día do Corazón de Xesús
- Día variable no mes de xullo, xa que ten certa relación coa Coresma, Sagrado Corazón de Xesús
- 24 e 25 de xullo, Santiago Apóstolo e o Sacramento. Hai uns anos a veciñanza decidiu adiantalas un día para que non coincidisen coa concorrida romaxe da santa Margarida de Muíño
- Segundo domingo de novembro, Virxe do Socorro
Descargas