Baio
Santa María de Baio (+ info. ampliada). Actualización (14/08/18)
1ª PARTE
- Relevo
- Hidrografía
- Xeoloxía
- Demografía
- Toponimia: a orixe dos nomes de lugar da parroquia de Baio
- Baio nos documentos históricos:
- Ano 1458: os 14 primeiros baieses de nome coñecido.
- O Foro das Facendeyras, unha carga feudal imposta ós vecinos de Baio durante máis de 400 anos (1498-1901)
- 1592: Servizos de carácter feudal dos baieses co conde de Altamira
- 1607: a descrición do visitador pastoral J. del Hoyo
- 1753: Interrogatorio do Catastro de Ensenada
- A mediados do séc. XVIII case o 82 % dos vecinos eran labregos
- Nomes dos cabezas de familia de Baio en 1753
- 1847: a información do Diccionario de P. Madoz.
- 1928: a información de E. Carré Aldao.
- A triste historia do derradeiro vinculeiro da Casa do Bao (Fornelos).
- A mellora nas comunicación, clave para o progreso de Baio:
- A construción da ponte de Baio (1853)
- A construción da ponte Lodoso, na Cacharosa (1897)
- Baio progresa no séc. XX, grazas ás comunicación e á potenciación da feira da Piroga.
2ª PARTE
- Igrexa (antiga) de Santa María de Baio.
- Igrexa (nova) de Baio.
- Persoeiros baieses coñecidos.
- Festas principais.
- Patrimonio artístico e arqueolóxico, segundo o PXOM.
- Bibliografía básica.
Poboación (01/01/2017)
Agreanas / A Braña 13
Baio 827
Baio Pequeño 105
BAIO (Baio + Baio Pequeño) 932
Cacharosa (A) 76
Fornelos 169
BAIO (Parroquia) 1.192
Baio, como parroquia máis poboada do concello de Zas é o lugar de orixe de numerosos persoeiros, algúns deles moi importantes dentro da cultura galega por iso a información relativa a esta parroquia que se envía para incluíla na sección de “Zas polo miúdo” da páxina web do concello de Zas, dada a súa extensión se decidiu dividila en dúas partes, de acordo co sumario que figura exposto máis arriba, para facilitar a súa comprensión e asimilar a súa importancia.
Nesta primeira parte irían todos os aspectos xerais da parroquia: xeografía, xeoloxía, demografía, textos, e referencias históricas, certos aspectos de interese ou curiosidades, etc.
Para unha segunda parte quedaría o estudo das manifestacións artísticas das dúas igrexas, persoeiros baieses, festas e inventario de bens do seu patrimonio artístico e arqueolóxico
No tocante á xeografía, salientamos que está situada no extremo NO do concello de Zas. A aldea de Fornelos é a que se sitúa máis ó oeste de todas as do concello e a segunda das que están máis ó N. Ten lindes con parroquias de tres concellos: Borneiro (Cabana de Bergantiños), Sarces e Nande (Laxe), Salto e Bamiro (Vimianzo) e coas de Lamas e O Allo, dentro do propio concello de Zas. A súa extensión é duns 8,8 km2 . Consta das entidades de poboación de Agreanas/A Braña, Baio, Baio Pequeno, A Cacharosa e Fornelos; ultimamente tamén se fala dos núcleos menores de Campo do Rollo, O Chamberín e Su a Agra.
No seu territorio predominan as zonas chás, aínda que na súa parte oriental nos lindes coa parroquia do Allo hai algunhas elevacións de non moita entidade. Unha gran parte da súa superficie correspóndese co val do río do Porto e do regato de Fornelos. O río do Porto entra na parroquia procedente da do Allo e despois de pouco máis dun km vai servir de linde coas de Lamas, Bamiro e Salto durante outros 3,8 km. Neste tramo o río principal recibe as achegas, pola esquerda, dos ríos de Zas e de Vilar. O pequeno regato de Fornelos discorre case todo el dentro da parroquia.
Xeoloxicamente forma parte da Unidade Malpica –Tui e litoloxicamente presenta unha certa uniformidade a base de ortogneis con anfíbol, granodoritias biotíticas ou xistos e paragneises de época hercínica ou tardihercínica. Nos vales dos ríos Porto e Fornelos hai materiais sedimentarios do cuaternario.
No tocante ós seus nomes de lugar, a orixe etimolóxica do propio nome da parroquia, Baio, é bastante discutido, e barállanse varias propostas: nome dun posesor romano (Badius) ou lugar de paso dun río (vadu), ó que se lle engadiría un “i” epentético. Durante moitos anos houbo alternancia entre o uso do “b” e do “v” ou do “i” e o “y”. Os outros nomes de lugar parecen ter unha orixe moito más clara. O documento máis antigo do que temos constancia que apareza o nome de Bayo data de 1452.
Faise, igualmente, un pormenorizado estudo dun foro: Foro das Facendeyras que estivo en vigor entre 1498 e 1901 polo que os veciños da parroquia estaban obrigados a pagar unhas rendas que foron variando ó longo dos tempos non sen antes ter perdido varios preitos.
Igualmente, no texto in extenso, dáse conta dos textos históricos que falan da parroquia desde os servizos de carácter feudal co conde de Altamira, a descrición de Jerónimo del Hoyo (1607); toda a información que aparece no Catastro de Ensenada (1753) ou o que nos contan sobre ela Pascual Madoz (ca. 1847) ou Carré Aldao (ca. 1928).
Interesante, por curiosa, é a historia de José Miguel López, vinculeiro da casa do Bao en Fornelos cuxa ludopatía a mediados do século XIX lle fixo quedar totalmente arruinado tras perder todos os seus bens, mesmo un cabazo de pedra, que foi trasladado para Carreira, segundo nos conta Ramón Romar, un descendente seu.
No progreso da parroquia tivo moito que ver a mellora das comunicacións coa construción ou reforma das existentes pontes Lodoso (1897) e de Baio (1852 / 53). Importancia, tamén, tivo o ser cruce de estradas da Costa da Morte coas cidades de Coruña e Santiago. Outro dos motores do despegue da parroquia foi a feira, chamada de Baio pero que, desde sempre, ata épocas moi recentes estivo na Piroga (Bamiro, Vimianzo).
Interesante, igualmente, foi a existencia dun campamento militar a carón da ponte Lodoso entre os anos 1943 e 1944 para controlar un posible desembarco aliado nalgún punto da Costa da Morte durante a 2ª Guerra Mundial.
Finalmente, facemos referencia á primeira folga xeral na historia da parroquia, o 14 de maio de 1990 por mor do enfrontamento cos veciños de Zas pola ubicación do instituto de ensinanza media que finalmente quedaría en Baio. Outro feito a destacar sería unha das máis grandes manifestacións (30 de abril de 2011) que ten habido na Costa da Morte, neste caso de tipo comarcal ou supracomarcal solicitando que non se anulase a concesión da estación da ITV para O Allo
Na segunda parte falaremos das dúas igrexas antiga e nova, os moi numerosos persoeiros nacidos na parroquia ou a relación de bens do patrimonio artístico e arqueolóxico .
Na segunda parte da parroquia de Baio dámos cumprida información das dúas igrexas de Baio a vella e a nova, e tamén de notables persoeiros, agrupacións culturais, deportivas e veciñais e mesmo das festas parroquiais.
A igrexa antiga é de estilo barroco, construída entre 1730 e 1741, excepto a espadana, que é do ano 1843. No seu interior destaca o retablo maior, barroco, do ano 1734.
A nova foi construída entre 1982 e 1985 polo arquitecto madrileño José Luis Fernández del Amo, en terreos doados polo arcebispo Maximino Romero Lema, cuxa tumba se atopa no interior do templo.
Esta parroquia caracterízase polos moitos persoeiros que naceron nela ou que tiveron relación con ela:
Agustín Martínez Ribera (principios séc. XIX) retablista e escultor.
Manuel Martínez Pose (1858-1935), mestre de capela e organista da catedral de Tui..
Enrique Labarta Pose (1863-1925), poeta festivo e narrador de contos.
Teodoro Morgade (1915-1935), poeta intimista morto na flor da mocidade.
Xosé Collazo Martínez (1880-1962), canteiro e poeta emigrado en Buenos Aires (Arxentina).
Roberto Veloso, cofundador das Mocedades Galeguistas de Buenos Aires.
Carmen Balboa López, represaliada polo franquismo por ser irmá de quen era, foi mestra de Bamiro (de 1961 a 1973), e despois do grupo escolar Labarta Pose de Baio.
Xosé Romero Lema (1901-1927), galeguista e amigo do poeta Manuel Antonio.
Francisco Romero Lema (1903-1972), cronista local, estudoso da obra de Labarta e importante lexicógrafo.
Maximino Romero Lema (1911-1996), arcebispo, alta xerarquía no Vaticano co papa Paulo VI e Fillo Predilecto de Baio pola súa filantropía.
Uxío Romero Pose (1949-2007), bispo auxiliar de Madrid e prestixioso investigador da Historia da Igrexa.
Ovidio Vidal Ríos (1912-2007), xeneral do Exército e ilustre endocrinólogo.
Jorge Mira Pérez (1968), catedrático Electromagnetismo da USC e importante divulgador da ciencia nos medios de comunicación.
Ricardo García Mira (A Coruña 1956), catedrático de Psicoloxía Social da (UDC) e deputado no Congreso dos Deputados.
José Santos Reyes (Baio 1966) é catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UDC.
Pepe de Valiña (1943-2004), destacado animador cultural e veciñal, a quen se lle deben moitas inciativas.
Fálase, tamén, das actividades da extinta A.C. Labarta Pose, da coral Xan Mella, da A.C. Adro, do grupo de teatro Badius, das AA. de VV. Tabeirón e A Fonte, Como tamén se fai un resumo das 55 temporadas do C.D. Baio e das actividades da A.D. Su a Agra, sen esquecernos da popular Festa da Carballeira e dos recentes premios Fouciño-Festival de Cinema.
Con esta segunda entrega da parroquia de Baio damos por rematado o estudo polo miúdo de todas e cada unha das 16 parroquias do concello de Zas. Esperamos que fose de utilidade como material de consulta ou para satisfacer curiosidades e que lles permita ós habitantes do noso concello coñecer un pouco mellor o seu territorio.
NON SE ESQUEZA PULSAR O ENLACE DO FINAL DESTA PÁXINA: “AQUÍ PODES CONSULTAR INFORMACIÓN MÁIS AMPLIADA”
Descargas