Zas acolle o 31 de maio un simposio sobre o aproveitamento socioeconómico do liño

04/07/2025

Analizar todos os principais aproveitamentos socioeconómicos do liño será un dos obxectivos do simposio “O liño e as iniciativas emprendedoras transformadoras;  estratexia para un desenvolvemento sostible na Costa da Morte” que se celebrará o vindeiro  31 de maio en Zas e que está organizado polo Concello de Zas e o Consello da Cultura Galega,  coa colaboración da Universidade da Coruña. A través de dúas conferencias e unha mesa redonda, o simposio porá de manifesto a relevancia do liño como motor de transformación económica e sostible, destacando o seu valor en sectorres como o textil e o agroalimentario. 

O Alcalde, Manuel Muíño, resaltou durante a rolda de prensa desta mañá a importancia deste encontro que atraerá ao noso municipio expertos en innovación e desenvolvemento sostible de primeiro nivel. Tamén interviu Jorge Mira Pérez, en calidade de membro do Plenario do Consello da Cultura Galega – CCG -, que debullou o programa desta xornada na que participarán Rosario Álvarez, Presidenta do CCG; Carmen Cotelo Queijo, directora da Axencia Galega de Innovación; Francisco Javier Sardina López, Catedrático de Química Orgánica da USC; e Nuria Calvo Babío, Catedrática da Facultade de Economía da UDC. A xornada rematará cunha mesa redonda. “Intentarase que este simposio teña un pouso institucional e que o liño entre na axenda do I+d+i”, sinalou Jorge Mira durante a súa intervención. 

Durante a rolda de prensa interviu tamén Braulio Astray, Director Adxunto da Fundación da Universidade da Coruña, entidade colaboradora na organización do evento. “Este simposio é un punto máis dentro da liña de colaboración da Universidade da Coruña co Concello de Zas xa que se enmarca dentro do proxecto Estratexia para o desenvolvemento socioeconomico sostible na Costa da Morte: apoio a iniciativas emprendedoras transformadoras a través do cultivo do liño e no que se está a traballar dende hai un tempo xunto coa Asociación Amigos do Liño”, indicou. 

Este simposio tamén está ligado coa posta en marcha do Parque Científico-Tecnolóxico; un proxecto do equipo de Goberno do Concello de Zas no que se está a traballar para a súa posta en marcha. 

O Alcalde concluíu convidando aa asistir a este encontro a todas aquelas persoas e empresas interesadas no emprendemento e no desenvolvemento sostible. O simposio tamén está aberto a todo o público interesado na materia.

 

PROGRAMA

11:00 horas: Presentación da xornada

Rosario Álvarez, Presidenta do Consello da Cultura Galega; Jorge Mira Pérez, membro do plenario do Consello da Cultura Galega e Manuel Muíño Espasandín, Alcalde de Zas. 

11:15 horas: Carmen Cotelo Queijo, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) 

“A Estratexia de Especialización Intelixente en Galicia: a xestión dos recursos naturais e culturais baseados na innovación” 

11.30 horas: Francisco Javier Sardina López, Catedrático de Química Orgánica da USC. 

 “O liño: do pasado remoto a un futuro brillante”. 

12:00 horas: Descanso-café 

12:30 horas: Nuria Calvo Babío, Catedrática da Facultade de Economía da UDC. 

“A importancia do emprendemento transformador no espazo rural galego” 

13:00 horas: Mesa redonda 

Moderador: Manuel Muíño Espasandín, Alcalde do Concello de Zas 

Relatores: Carmen Riveiro, Presidenta da Asociación de Amigos do Liño; Manuel Escourido Calvo, Coordinador do Grao en Deseño Industrial de Moda da UDC; Braulio Pérez Astray, Director Adxunto da Fundación Universidade da Coruña 

14:00 horas: Principais conclusións e clausura da xornada.