O xurado da VII Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose, formado por membros do Concello de Zas e do Grupo de Teatro Badius, vén de dar a coñecer as obras finalistas da presente edición do certame ao que se presentaron cerca de trinta pezas de teatro procedentes de grupos e/ou compañías de toda a comunidade.
Estas son as obras finalistas e os seus días de representación:
- “A pousada da pantasma coxa”; unha comedia para todos os públicos que nos chega da man da Asociación Cultural Faíscas de Arteixo e que se representará o 20 de abril as 21:00 horas no Auditorio de Baio.
- “Lonxe dos teus abrazos”; da Asociación Cultural Teatro do Ar, de Nigrán. A función, unha comedia romántica dirixida a maiores de 8 anos, será o 27 de abril as 21:00 horas no Auditorio de Zas.
- “Fatum”, de O Catre Teatro de As Pontes de García Rodríguez. Esta é unha comedia para todos os públicos que se representará o 4 de maio ás 21:00 horas no Auditorio de Baio.
- “Crónica dun pobo”, unha comedia de Gargallada Teatro que chega dende O Barco de Valdeorras e que nos interpretarán do 11 de maio as 21:00 horas no Auditorio de Baio. Tamén está dirixida a todos os públicos.
- “O traballo de Andrea”, do Colectivo Cultural Ollomao, de Barreiros. Este drama, dirixido ao público adulto, representarase o 18 de maio ás 21:00 horas no Auditorio de Zas.
O Concello de Zas repartirá un total de 3.900€ entre estas cinco obras finalistas. Pero para coñecer o reparto dos premios teremos que agardar ata o 25 de maio, día no que terá lugar a entrega de premios nun acto que se celebrará a partir das 18:00 horas no Auditorio de Zas e no que o alumnado da Escola de Teatro Infantil do Concello de Zas interpretarán varias pezas.