Volve a Festa da Carballeira de Baio

06/15/2022

 

Como vén sendo habitual – salvo nestes anos de incerteza causada pola COVID19 – o último domingo do mes de xuño, o día 26, volve a Festa da Carballeira de Baio. E como non podía ser doutra maneira, haberá música durante todo o día. 

A festa da Carballeira comeza cunha sesión vermú que amenizarán o Trío Arena e o Dúo D’Festa. De animar a sobremesa encargarase a Charanga Santa Compaña. E xa pola tarde volverán a actuar o Trío Arena e o Dúo Charanga que tocarán ata ben entrada a noite. Os grupos de música tradicional da Asociación Cultural Adro tamén tocarán algunha peza ao longo da xornada festiva.

A organización da Festa da Carballeira de Baio corre a cargo do Concello de Zas que conta coa colaboración da Asociación Cultural Adro e da Comisión de Festas de Baio. Co fin de  preservar a carballeira e a súa contorna e para que todos e todas os asistentes gocen da festa, non está permitido facer lume no chan, instalar carpas pechadas nin usar equipos musicais.  

Reserva dos sitios

Unha vez máis, dende o Concello de Zas pedímoslle a toda a veciñanza que agarde ata a tarde do 21 de xuño para marcar os sitios nos que colocarán as mesas debido a que ese mesmo día pola mañá os nenos e nenas do CEIP Labarta Pose despidirán o curso 2021/2022 cunha xornada de xogos. Dende o Concello entendemos que as cintas e/ou cordeis que se usan habitualmente para reservar os sitios supoñen un perigo para os nenos e nenas ademais de interrumpirlle a súa xornada de lecer.