Inicio » Servizos sociais » Programas
Programa de información, orientación e asesoramento

Este programa lévao a Traballadora Social do Concello e ten por obxecto informar aos cidadáns sobre os distintos dereitos e deberes en materia social, así como orientar e asesorar ás persoas e grupos afectados por problemáticas específicas, diagnosticar a situación e derivalos, se é necesario, aos servizos sociais especializados.

As áreas de actuación, definidas en función dos sectores de poboación, son as seguintes:

  • Comunidade.
  • Vellez.
  • Familia, infancia e mocidade.
  • Minusvalías.
  • Muller.
  • Drogodependencias e alcoholismo.
  • Minorías étnicas.
  • Migracións.
  • Marxinación social.
Programa de axuda a domicilio

O programa de axuda no fogar defínese como un conxunto de atencións aos cidadáns no seu domicilio, naquelas situacións nas que teñan limitadas a súa autonomía persoal ou nos casos de desintegración familiar. Todo isto se realiza a partir dunha perspectiva integral e normalizada, e o que se pretende é facilitar a permanencia do beneficiario no seu propio entorno de convivencia, evitando deste xeito a súa institucionalización.

Os obxectivos que se pretenden acadar con este programa pódense definir da seguinte forma:

  • Favorecer a permanencia das persoas no seu medio habitual de vida sen que diminúa a calidade da mesma por problemas de saúde, incapacidade, inadaptación social, etc.
  • Integrar ás persoas e/ou familias na vida comunitaria, estimulando os seus xuros e capacidades, evitando o desarraigamento e a marxinación.
  • Evitar formas de institucionalización sempre que sexa posible e conveniente.

Para acadar estes obxectivos é necesario que o servizo inclúa distintos tipos de prestacións entre as que salientan:

  • Atencións de carácter doméstico: Alimentación, compra, coidado da roupa, limpeza e mantemento da vivenda.
  • Atencións de carácter persoal: Hixiene, compañía, acompañamento a xestións, e apoio á mobilización dentro do fogar.
  • Atencións de carácter socio-educativo: Apoio á estruturación familiar, creación e mantemento de hábitos, etc.
  • Atencións de carácter técnico e complementario: Teleasistencia domiciliaria e actuacións que poidan resultar necesarias, ben para a posta en funcionamento do servizo, ben para que continúe en situacións idóneas.

As tarefas que se realizan en cada un dos fogares son definidas pola responsable do programa tras coñecer a problemática, valorar a situación e seguir a súa evolución.

O programa neste momento conta con dous auxiliares de axuda a domicilio.

Este programa dispón dun Regulamento propio que foi aprobado polo Pleno da Corporación , en sesión celebrada o día 29 de maio de 1998 e publicado no BOP nº 33 do 10 de febreiro de 1999.

Programa de teleasistencia domiciliaria

A teleasistencia domiciliaria é un recurso dirixido ás persoas con discapacidade e ás persoas maiores que teñen como obxectivo a calidade de vida dos usuarios permitíndolles permanecer nos seus domicilios.

Con este servizo o usuario atópase atendido as 24 horas mentres permaneza no seu domicilio. A unidade portátil que leva a persoa pode ser accionada en calquera momento, polo que con só apertar o botón , os usuarios saben que alguén vela por eles en todo momento.

Programa de inserción social

Este conxunto de actuacións responde á necesidade de previr a marxinación e as súas causas así como a de favorecer procesos de participación e integración social das persoas e colectivos máis desfavorecidos, cumprindo así os principios que deben guiar todas as intervencións sociais.

Preténdese con elas evitar a aparición ou eliminar os factores potencialmente capaces de xerar procesos de marxinación e exclusión social, favorecendo a promoción de actitudes de tolerancia, respecto e solidariedade.

Neste sentido, as accións a desenvolver, tenderán basicamente cara a promoción da participación, a animación comunitaria, a ocupación do lecer e do tempo libre, campañas de información e sensibilización, etc; estando na base de todas elas o obxectivo concreto de fortalecemento do tecido social da comunidade.

1. AXUDAS DE URXENCIA SOCIAL

As situacións de urxencia existen e hai que resolvelas cando xorde a necesidade. A práctica fai aconsellable que estas situacións poidan ser atendidas con accións concretas e inmediatas de tipo económico.

Hai que ter presente que esta zona presenta graves desequilibrios sociais, como unha gran incidencia do paro na mocidade e alto índice de envellecemento da poboación, gran parte da cal, presenta malas condicións de cobertura para solventar aquelas necesidades que se xeran en caso de que ocorra algún sinistro.

Tamén hai que resaltar a importancia da existencia e concesión destas axudas, pois significa dispoñer duns medios que permitan atender a aqueles usuarios que necesitan respostas inmediatas.

Este amparo económico supón que a resolución das demandas máis urxentes non estean suxeitas ás convocatorias de axudas individuais por parte dos distintos Organismos Públicos, con límites de prazo e posibilidades de non concesión.

 

2. REHABILITACIÓN PSICOSOCIAL E LABORAL

A rehabilitación psicosocial ten como meta global axudar ás persoas a reintegrarse na comunidade a mellorar o seu funcionamento psicosocial de modo que poidan manterse na súa contorna social e familiar nas condicións o máis normalizadas e independentes posibles.

Os obxectivos deste servizo foron:

  • Mellorar a interacción cos outros.
  • Incrementar a capacidade de resolución e afrontamiento de problemas.
  • Obter unha maior autoafirmación e mellorar a asertividade.
  • Facilitar a expresión de sentimentos.
 

3. PROGRAMA DE PREVENCIÓN E INSERCIÓN DE DISCAPACITADOS

Dentro deste programa leváronse a cabo as seguintes actividades:

CAMPAÑA DE PREVENCIÓN DAS MINUSVALÍAS.

Esta campaña levouse a cabo conxuntamente coa asociación de minusválidos INTEGRO.

Esta campaña dirixiuse á poboación xuvenil do Concello de Zas levándose a cabo nos colexios públicos de Zas e Baio.

  • Os obxectivos específicos da mesma foron os seguintes:
  • Dar a coñecer as minusvalías e as súas causas.
  • Sensibilizar sobre como prever os accidentes e as súas causas principais.
  • Informar sobre a actuación en caso de accidentes.

CURSO DE INFORMÁTICA

Este curso impartiuse en colaboración coa asociación de minusválidos INTEGRO.

Dirixiuse á poboación minusválida do Concello de Zas e o contido era de iniciación á informática, acudiron ao curso 10 persoas

 

4. PROGRAMA DE INTERVENCIÓN CON COLECTIVOS EN SITUACIÓN DE NECESIDADE

Dentro deste programa realizouse unha intervención técnica de apoio a familias en situación de necesidade onde existen menores en situación de risco, pretendendo reducir as problemáticas psicosociais que inciden negativamente nas menores.

Foron obxecto de intervención dentro deste programa as familias desestructuradas, con sospeita de malos tratos, abandono de menores, crise de relacións pais/fillos.

A estas familias tamén realizóuselles un obradoiro de educación onde se abordaron os seguintes temas:

  • Condutas adictivas.
  • Habilidades de comunicación.
  • Pautas educativas.
  • Transtornos da alimentación.
  • Presión de grupo.
Programa de cooperación social

A través do fomento da cooperación pretende o Concello de Zas potenciar a participación de persoas e grupos na vida comunitaria fomentando a iniciativa social, a solidariedade, o asociacionismo, así como favorecer a toma de conciencia dos cidadáns sobre os seus problemas.

Xa son varios os anos en que o Concello colabora coa asociación NERIA.

Concretamente para este ano preténdese colaborar con ela para o desenvolvemento do programa de prevención e reinserción de drogodependencias.

Reparto de alimentos

Todos os anos dende o departamento de servizos sociais do Concello distribúense entre as familias máis necesitadas. Ao longo do ano establécense catro repartos. Os alimentos proceden do Banco de Alimentos da Coruña a través do Plano de Axuda a Necesitados 2006.