Os estudos do Carbono 14 datan a primeira ocupación de Brandomil no século I

02/18/2024

Despois das catro intervencións arqueolóxicas realizadas en Brandomil e dos datos obtidos polas probas Carbono 14, realizadas por un prestixioso laboratorio de Miami, confírmase que Brandomil xa estivo ocupado no século I, o que o sitúa como un dos grandes xacementos romanos de toda a península. Os resultados presentáronse o pasado sábado nunha rolda de prensa que tivo lugar na Casa do Concello e na que interviron o Alcalde de Zas, Manuel Muíño; o secretario da Fundación Brandomil, Enrique Iglesias; e o arqueólogo e director dos traballos, Lino Gorgoso.

Segundo os estudos, a “domus” atopada nunha das últimas intervencións realizadas na Pedra do Altar- e que é visitable – puido estar habitada entre o ano 50 e 60 do século I d.C. Tras un incendio a vivenda foi abandonada e volviuse a habitar, segundo indican os análises, 30 anos depsois. Ao longo deste ano realizaranse novos traballos arqueolóxicos que permitirán precisar que tipo de poboado había na zona ademáis de “poñerlle nome”; porque tal e como apuntou Lino Gorgoso “pensamos que se trata dunha vila”. Nos traballos realizados recemente tamén se atopou un tramo do Camiño Real, que unía as localidades de Negreira e Muxía. Os resultados din que se trata dunha casa de grandes dimensións, con dous pisos e un vestíbulo, e que probablemente “non esté illada”, indicou o Alcalde. En canto a climatoloxía o permita, excavaranse uns 150 metros cadrados máis, dos cales 140 corresponden á domus e o resto á vía romana atopada tamén nas últimas intervencións.

Durante a presentación dos resultados, Manuel Muíño ratificou o compromiso do Concello de Zas con este xacemento de “gran importancia” tal e como o fixo ata o de agora que se encargou de financiar as intervencións realizadas. “Somos o único municipio da Costa da Morte que inviste activamente en recuperar o seu patrimonio”, sinalou o rexedor.

Os resultados das intervencións arqueolóxicas realizadas ata o momento en Brandomil recolleranse nun libro que verá a luz proximamente e tamén se expoñerán no XVII Encontro Arqueolóxico do Barbanza que terá lugar a vindeira fin de semana en Boiro.