Os 90 nenos e nenos das diferentes categorías do CD Concello de Zas estrean equipación

11/03/2023

 

Esta semana presentouse a equipación que vestirán durante a tempada 2023/2024 os 90 nenos e nenas que xogan nos equipos de infantil, alevín, Benxamín, prebenxamín e biberón do CD Concello de Zas.

As equipacións, en cor vermella, chegan cos patrocinios de varias empresas locais entre as que están Axa Seguros, Pizzería Tívoli, Café Bar Tabares, Demoliciones Coruña, Camping Brandoñas, XEA xestión ética do abandono, Construcciones Sousa, Anxega e o propio Concello de Zas. Ao acto de presentación da equipación, que tivo lugar na Casa do Concello, asistiron representantes das empresas patrocinadoras xunto co Alcalde de Zas, Manuel Muíño; e o Tenente de Alcalde, José Brenlla. 

Durante o acto, o rexedor aproveitou a ocasión para agradecerlle aos patrocinadores o seu apoio ao fútbol base. Esta é unha das tempadas con maior número de xogadores e xogadoras e que segundo sinalou Manuel Muíño “é froito da aposta que fixemos dende o noso equipo de goberno para a creación do Club Deportivo Concello de Zas e conservar así as categorías base do fútbol local”. 

Dende a creación do Club, no ano 2016, o Concello de Zas apoia economicamente o equipo. Esta tempada fixo unha achega de 10.000 euros.