O vindeiro 2 de outubro porase en marcha o programa de Madrugadores no CEIP Labarta Pose de Baio onde se admitiron todas as solicitudes presentadas polas familias. Sete nenos e nenas farán uso durante todo o curso académico deste novo servizo, impulsado polo equipo de Goberno Municipal en colaboración coa Anpa do centro. As familias que o desexen tamén poderán usalo de forma puntual en función das súas necesidades.
Para o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, “este novo servizo contribúe a conciliar a vida laboral e familiar da nosa veciñanza e súmase a outras iniciativas impulsadas polo noso equipo de goberno como é a bolsa de estudos”. Precisamente esta semana, o rexedor e Concelleira de Educación de Concello de Zas, Pilar García, mantiveron unha reunión coa Directora do CEIP Labarta Pose, Sinda Cundíns; e con Marta Rey, representante da Anpa; co fin de abordar as principais cuestións para a posta en funcionamento deste programa.
No CPI de Zas non se acadou o número mínimo de solicitudes para poñer este servizo en marcha, xa que tan só houbo tres.
En que consiste o Programa Madrugadores?
- O servizo préstase durante o período escolar (dende o 2 de outubro ata final de curso) e consiste en recoller aos nenos e nenas no centro de ensino antes do inicio das clases
- Unha monitora atenderá o alumnado
- O horario do servizo é de 08:00 a 09:30 horas, sendo a última entrada antes das 09:00 horas
- O alumnado que desexe almorzar nese tempo pode facelo e deberá levar o seu propio almorzo
- As familias poden facer uso deste servizo durante todo o curso académico ou de forma puntual
- A maior parte do servizo está financiado polo Concello de Zas