O VII Trail da Filloa suma máis de 800 participantes a escasas horas de pecharse as inscricións

01/31/2024

A 7ª edición do Trail da Filloa, que terá lugar este domingo en Zas, vai camiño de bater marcas de participación. Cando faltan aínda unhas horas para que se pechen as inscricións (que será ás 23:59 horas de hoxe) supéranse xa as 830 persoas inscritas nas diferentes probas que compoñen este evento que reúne a deportistas de toda a península.

Unha das novidades deste ano é que se realizaron cambios nos diferentes percorridos para que as persoas participantes coñezan toda a riqueza natural do Concello de Zas. As probas discorren por máis de 75 km, principalmente de monte, dentro do noso municipio que se limparon e acondicionaron nas últimas semanas grazas a rede de colaboradores da Asociación Monte Brondo, que é a encargada da organización deste evento xunto co Concello de Zas. 

“Para o Concello de Zas é todo un orgullo que un evento deportivo poña en valor o noso patrimonio e a nosa gastronomía e que reúna a tantos deportistas de toda a xeografía galega e doutros puntos do territorio nacional que veñen disfrutar e coñecer o noso municipo coa repercursión na economía local que iso conleva”, sinalou Manuel Muíño, Alcalde de Zas, durante o acto de presentación do cartel da 7ª edición do Trail da Filloa que tivo lugar onte no Salón de Plenos do Concello de Zas e ao que asistiu tamén David Fernández, en representación da Asociación Deportiva Monte Brondo.

O Pedrido, Monte Brondo e Pico de Meda son algúns dos puntos de referencia desta 7ª edición así como tamén o serán as filloas á pedra que os participantes poderán degustar tanto nos diferentes puntos de avituallamento como á chegada, que será no pavillón municipal de Zas, onde se servirán as filloas recén feitas acompañadadas de caldo e chourizos. 

O Trail da Filloa comeza ás 08:30 horas, que é a hora de saída para os participantes do Gran Trail (40 km). Todas as saídas serán dende a Praza do Concello e, este ano, contaremos con Terio Carrera como speaker do evento. 

Tal e como sinalou o rexedor, Manuel Muíño, o Trail da Filloa reúne a unha gran cantidade de deportistas e familiares e é posible  grazas á implicación de máis de cincuenta persoas entre as que están persoal municipal, membros de protección civil, integrantes da Asociación Deportiva Monte Brondo e demais voluntarios e voluntarias que colaboran tanto no día das probas como en días previos. 

Por cuarto ano, a AD Monte Brondo outorgará a “Beca para estudios” cos ingresos obtidos nas inscricións e que se destinaban anteriormente a agasallos, como mochilas, camisetas,… para as persoas participantes. O importe recadado entregaráselle de forma confidencial a un/unha estudante empadroado/a no Concello de Zas a proposta do departamento de Servizos Sociais do Concello de Zas.

Probas 

O VII Trail da Filloa está composto por estas cinco probas non competitivas:

  • Gran Trail: 40 km
  • Trail Longo: 29 km
  • Trail curto: 17 km
  • Andaina curta: 12 km
  • Andaina longa: 20 km

As persoas que o desexen aínda están a tempo de anotarse ata hoxe ás 23:59 horas na seguinte ligazón: https://inscripciones.empa-t.com/inscripcion/vii-trail-da-filloa-de-zas/inscripcion_datos/