O VI Trail da Filloa des/na 1318,50€ a unha beca para estudos

03/15/2023

 

A VI edición do Trail da Filloa de Zas, que se celebrou o pasado 26 de febreiro e que reuniu a máis de 900 corredores, recadou un total de 1318,50€ euros que se destinarán a unha beca para estudos. O/a estudante á que se lle entregará este importe deberá estar empadroado/a no Concello de Zas e seleccionarase de forma confidencial en base aos informes emitidos polo Departamento de Servizos Sociais municipal.

Este é un importe recadado das inscricións dos participantes e que tradicionalmente se destina ao gasto en agasallos para os corredores; como mochilas, camisetas,… etc. Con esta iniciativa, pioneira na comarca, o Concello de Zas e a Asociación Monte Brondo – organizadores deste evento deportivo – queren contribuír así ao benestar social da nosa veciñanza. Este é o terceiro ano que se destina este importe á beca para estudos.

Manuel Muíño, Alcalde de Zas; e David Fernández, da Asociación Monte Brondo; presentaron esta mañá o reconto do importe recadado nesta sexta edición do Trail da Filloa de Zas que tanto para os organizadores como para os/as participantes “foi todo un éxito”.