O Alcalde de Zas, Manuel Muíño; e Diego Blanco, da AD Monte Brondo, deron a coñecer o importe da beca de estudos do Trail da Filloa que recibirá nos vindeiros días un/unha estudante empadroado/a no Concello de Zas que se seleccionará de forma confidencial en base aos informes do departamento de Servizos Sociais municipal. Serán un total de 1218€ que se corresponden co importe recadado nas inscricións da VII edición do Trail da Filloa, que se celebrou o pasado mes de febreiro.
Este era un importe que se destinaba a agasallos para as persoas participantes; entre os que se incluían mochilas, camisetas,… e que dende hai catro anos os organizadores do evento – o Concello de Zas e a AD Monte Brondo – decidiron destinalos a esta iniciativa pioneira na comarca e coa se pretende contribuir ao benestar social da nosa veciñanza.
Inscricións VIII Trail da Filloa
Mentras, continuamos preparando todo para o VIII Trail da Filloa que se disputará o vindeiro 2 de febreiro.
Na edición do 2025 haberá cinco probas non competitivas (trailiño, trail curto, trail longo, andaina curta e andaina longa) que discorrerán por carballeiras, ribeiras de río, soutos,… e outros espazos naturais do noso municipio nos que se está levando a cabo unha posta a punto.
As inscricións están abertas ata o 26 de xaneiro e poden realizarse a través da páxina web www.empa-t.com