O sábado arranca a VI Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose coa representación de “A Lola”, de Avelaíña Teatro

04/13/2023

 

Este sábado, 15 de abril, arranca a VI Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose, organizada polo Concello de Zas a través do seu departamento de Cultura co fin de promover o teatro amateur e o teatro feito en galego.

A compañía Avelaíña Teatro encargarase de iniciar a sexta edición deste certame coa representación da obra “A Lola”, na que lle darán protagonismo a “todas as mulleres que sobreviviron aos seus maridos, arrebatados polo terror franquista”. 

Nesta trama histórica xógase co presente (mediados dos anos sesenta) e co pasado (os anos da Segunda República e os inmediatamente posteriores ao golpe militar de xullo de 1936). David e Teresa son os protagonistas desta historia marcada polo “pasado non ausente”; é dicir, polos feitos acontecidos nos anos de represión que seguen a determinar as vidas e as conductas de varias xeracións.

A función comeza ás 21:00 horas e terá lugar no Auditorio de Baio. A entrada é de balde e esta é unha obra de teatro dirixida a maiores de 16 anos.

O voto do público

Ao igual que nas pasadas edicións, o público terá un papel moi importante no reparto de premios para o que o Concello de Zas destina 3.500 euros. Ao final da representación, as persoas asistentes deberán valorar a representación de forma totalmente anónima. A obra coa mellor puntuación do público obterá 200€, un trofeo e un diploma acreditativo.