O Nadal chega a Zas cun completo programa de actividades que arranca este sábado e remata o 18 de xaneiro

12/11/2024

A maxia e a ilusión que nos trae o Nadal estará acompañada cun amplo programa de actividades deseñado polo Concello de Zas para o desfrute de toda a veciñanza e en especial dos máis novos da casa. Este ano contamos cunha ampla programación que arranca esta fin de semana e que se alonga ata o 18 de xaneiro. 

“Ao igual que os últimos anos o programa NADAL ZAS está pensado para toda a familia e especial para os máis pequenos”, destaca o Alcalde de Zas, Manuel Muíño. A programación comeza esta fin de semana coa 1º Feira de Artesanía do Nadal que terá lugar o sábado e o domingo na Praza Jorge Mira Pérez e que organiza o Concello de Zas xunto con BaiON; unha agrupación de empresarios de Baio. Durante os dous días haberá demostración en vivo co torno, taller de costura infantil, contacontos con Quico Cadaval, Celso Sanmartín e Guti, sesión vermú e un concerto infantil. Todo esto sumado á oferta comercial e hostaleira da vila.

O martes 17 de decembro, temos unha sesión de contacontos para bebés que nos traerá Migallas Teatro ao Centro Sociocultural de Zas a iso das 17:30 horas e que leva por título “Os tres porquiños”.

Como nos últimos anos, haberá funcións escolares. E nesta ocasión contaremos co espectáculo infantil  “Máis Saaabor” que interpretarán os de Culturactiva Producións o día 18 de decembro no CPI de Zas (10:30 horas) e no CEIP Labarta Pose (12:30 horas).

A Escola de Música Moderna ofreceranos o 19 de decembro as 18:30 horas un Festival de Nadal no que tocará e cantará todo o alumnado. Será no Centro Sociocultural de Zas. 

O sábado 21 de decembro recibiremos a Visita de Papá Noel que virá acompañado da actuación “Dalle Co Pé”, que Pulpiño Viascón. Será ás 12:00 horas no Centro Sociocultural de Zas e ás 17:00 na Praza Jorge Mira de Baio. 

E para despedir o ano temos varias propostas para o día 28 de decembro. Faremos a Festa Infantil pre fin de ano con badaladas e carteiro real incluído. Será a partir das 11:30 horas no Centro Sociocultural de Zas onde actuará “Duende Circo” e ás 17:30 horas na Praza Jorge Mira coa actuación de Lote Malabar “Cirkote”. A iso das 20:30 horas Badius Teatro representará no Auditorio de Baio a súa obra “O parvo” e a patir das 22:30 horas haberá outra festa pre fin de ano para o público adulto na Praza Jorge Mira cun concerto da man de Louband. 

O 29 de decembro a actividade trasládase a Carreira onde recibiremos ao Apalpador, Alí, dento do programa “Espías do Bosque” da Asociación Ambiental Senda Nova, realizaremos obradoiros para recoñecer as diferentes especies de árbores autóctonas, visitaremos a aldea e o seu Museo do Liño, recibiremos ao Apaldador e bailaremos coa música de “Os Gaiteiros de Churía”. Todo a partir das 17:00 horas.

Reis Magos

No Concello de Zas tamén estamos a preparar todo para recibir a visita dos Reis Magos que farán un percorrido polo noso municipio o 4 e o 5 de xaneiro. O día 5 tamén teremos a Cabalgata de Reis. En baio será a partir das 18:00 horas e logo realizarán unha recepción real na Praza Jorge Mira onde actuará o Mago Noel. E en Zas a Cabalgata dos Reis Magos percorrerá as rúas a partir das 18:30 horas para rematar cunha recepción real na Praza do Concello onde acturará “Peter Punk”. Nos dous sitios repartiremos chocolate ben quentiño entre todas as persoas asistentes.

A programación do Nadal remata con dúas obras de teatro. Unha será o 11 de xaneiro no Auditorio de Baio onde Sarabela Teatro interpretará “Made in Galiza”. E ao sábado seguinte, 18 de xaneiro, pechamos o programa no Auditorio de Zas coa obra “A voltas co morto” interpretada por Sen Tempo Teatro.

Obradoiros de Nadal

A programación complétase cos obradoiros infantís de Nadal cos que o Concello de Zas quere facilitar a conciliación laboral e familiar da nosa veciñanza e que son totalmente gratuítos. Haberá talleres nas Torres do Allo (21 e 22 de decembro), no Centro Sociocultural de Zas (do 23 ao 27 de decembro) e no Centro Sociocultural de Baio (do 30 de decembro ao 3 de xaneiro). Este ano tamén realizaremos un obradoiro de “Adornos de Nadal” dirixido ao público adulto e que será os días 21 e 28 de decembro ás 16:00 horas no Centro Sociocultural de Zas.

Para participar en calquera destes obradoiros é necesario anotarse previamente no 981 751 398 ou no 981 718 056. 

Todas as actividades do programa NADAL ZAS son gratuítas.