O goberno municipal de Zas expresa o seu apoio ás reivindicacións dos traballadores do Parque de Bombeiros de Santa Comba

08/25/2023

 

Unha parte da plantilla do Parque de Bombeiros de Santa Comba reuniuse na mañá de onte co Alcalde de Zas, Manuel Muíño; e co Tenente de Alcalde, José Brenlla; para solicitar o apoio do goberno municipal ás súas reivindicacións laborais pola que están, xunto cos profesionais do Parque de Bombeiros de Cee, en folga indefinida. “Dende o Concello de Zas instamos á Xunta de Galicia a que se senten a negociar as condicións laborais dos traballadores e solucionen o antes posible a situación co fin de evitar situacións de alto risco ao estar no momento de maior probabilidade de incencios e velar así pola seguridade da veciñanza”, sinalou o rexedor.

Tal e como expresaron na xuntanza, o colectivo denuncia a falta de medios materiais e de persoal que padecen os Consorcios Provinciais de Incendios e Salvamento. Por este motivo, os profesionais dos parques de bombeiros de Cee e de Santa Comba, xunto con outros de toda a comunidade, secundan dende o pasado mes de xuño unha folga indefinida que ten como consecuencia o peche das instalacións. “En caso de que o necesitemos tería que mobilizarse o equipo do Parque Empresarial de Carballo o cal se ampliaría de forma considerable o tempo de resposta”, indica Manuel Muíño. Precisamente recordou que recemente grazas á rápida actuación dos bombeiros de Santa Comba evitáronse danos maiores nun incendio rexistrado na vila de Baio.