Dende mañá, luns, e ata o próximo venres, 17 de xuño, está aberto o prazo para presentar as instancias no proceso de contratación laboral de dous socorristas acuáticos e de catro operarios para as piscinas municipais de Zas e de Baio.
En ambos casos trátase dun contrato con carácter temporal a xornada completa e de dous meses de duración (xullo e agosto con posibilidade de ampliarse ata o 15 de setembro en función da climatoloxía).
Dentro das funcións dos dous postos de socorrista acuático están as propias de seguridade, prevención e salvamento acuático así como velar polo uso axeitado das piscinas. Pola súa banda, os operarios deberán realizar o mantemento e o control químico da auga, manter limpa a piscina e as demais instalacións do recinto, rexistrar as anotacións e o control oportuno nos libros de rexistro e coidar que o comportamento dos bañistas se axuste ao disposto na normativa vixente.
Os/as interesados/as en participar nestes dous procesos de selección de persoal poden consultar as bases no taboleiro de anuncios da Sede Electrónica do Concello de Zas a través da seguinte ligazón: https://sede.concellodezas.org/opencms/es/informacion/. O prazo para a presentación de instancias comeza hoxe e remata o venres, 17 de xuño. Tal e como se indica nas bases, o modelo do Anexo I pódese presentar no Rexistro do Concello ou a través do fax ou do correo electrónico.