O Concello de Zas pon en marcha as obras do Centro de Saúde de Baio coas que se duplicarán a súa superficie

04/25/2023

 

O Alcalde de Zas, Manuel Muíño, visitou esta mañá o Centro de Saúde de Baio onde xa comezaron as obras que suporán unha reforma integral das instalacións. O Concello de Zas colabora co Servizo Galego de Saúde – SERGAS – asumindo o 50% do custo das mesmas ademáis de encargarse da redacción do proxecto e da contratación dos traballos. 

Despois de varios meses de trámites administrativos, a Xunta de Galicia vén de dar a autorización pertinente para o inicio das obras que teñen un prazo de execución de tres meses. O Centro de Saúde de Baio ubícase dende hai anos nun dos baixos das Escolas Agra Regueiro, situadas na Campo do Rollo, grazas á cesión realizada pola Asociación de Veciños Tabeirón. Esta foi unha ubicación provisional e que leva en funcionamento dende hai máis de 20 anos a pesar de non reunir as condicións necesarias para esta función.

Por este motivo, o equipo de goberno do Concello de Zas iniciou hai xa varios meses os trámites para reformar as instalacións á vez que a entidade veciñal Tabeirón cediu a outra parte do baixo do edificio co fin de ampliar o espazo dedicado a este fin.

Unha vez rematados os traballos, dos que se encarga a empresa Lires Cons S.L., o Centro de Saúde de Baio duplicará a súa superficie pasando dos 108 m2 útiles a un total de 205m2. As obras inclúen a reforma integral das instalacións actuais (fontaneiría, saneamento, electricidade, climatización, mobiliario,…) así como a creación de dúas novas salas de atención médica.