O Concello de Zas pon en marcha a sexta campaña de trampeo da vespa velutina con máis de 200 trampas distruibuidas por todo o municipio

03/06/2023

 

O Centro Sociocultural de Zas acolleu esta mañá a presentación dunha nova campaña de trampeo da vespa velutina posta en marcha polo Concello de Zas por sexto ano consecutivo.

Ata alí achegáronse máis de 60 veciños e veciñas das diferentes parroquias para entre todos loitar contra esta praga que afecta gravemente a toda a comunidade. “Cada vez sodes máis e máis veciños e veciñas os que vos unides a esta loita”, sinalou o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, na presentación e aproveitou para agradecerlle aos asistentes a súa colaboración.

Entre os asistentes repartíronse trampas – que este ano teñen un novo deseño e poden ser reutilizadas en máis ocasións – e líquido atraínte para capturar nos vindeiros meses o maior número de raíñas e reducir así o número de niños. Segundo explicou Isidro Rodríguez, responsable de Plaguiber (empresa encargada da campaña), este inverno tivemos unha temperatura case primaveral polo que as raíñas están a despertar antes do seu letargo. Cada quince días, farase reconto das vespas capturadas nas diferentes trampas e analizar así o comportamento da praga.

Ademais das repartidas entre apicultores e a veciñanza, o Concello de Zas instalará outras 80 trampas naqueles puntos máis sensibles do municipio; tales como nas zonas escolares, paseos fluviais, Torres do Allo,…

Todos aqueles veciños e veciñas que o desexen aínda están a tempo de recoller as súas trampas e o líquido atraínte correspondente. Para iso deberán chamar previamente ao 981 751 398 ou achegarse ata o Centro Sociocultural de Zas en horario de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas. 

Retirada de niños

Segundo sinalan os expertos, coa chegada da primavera comezarán a aparecer os niños primarios polo que as persoas que os localicen deberán chamar ao número de teléfono da Xunta de Galicia (012) para a súa retirada.