O Concello de Zas organiza unha nova edición da campaña comercial “Baio ten a pelota” que se celebrará a 2ª fin de semana de ma

03/25/2023

 

O Concello de Zas encargarase da organización dunha nova edición da campaña comercial “Baio ten a pelota” que se celebrará a segunda fin de semana do mes de maio.  Así se acordou na reunión que mantiveron o pasado xoves membros do equipo de Goberno do Concello de Zas, entre eles o Alcalde, e unha boa representación do sector empresarial de Baio e de A Piroga pertencentes aos sectores comerciais, hostaleiros e do automóbil. 

Durante o encontro os/as empresarios/as presentes, que eran ao redor de 50, expuxeron as súas peticións e fixeron un repaso da situación actual que atravesan na que a mitigación da suba dos costes e a falta de persoal son dous dos seus principais problemas. A maior parte dos empresarios presentes forman parte da Asociación de Empresarios Comarca de Soneira que actualmente atópase sen directiva polo que tamén mostraron a súa preocupación pola organización de campañas comerciais organizadas pola entidade empresarial nos últimos anos, tales como “Baio ten a pelota” e “Punto Rojo”. 

Neste punto os membros do equipo de goberno municipal ofreceron a posibilidade de que fose o propio Concello de Zas o organizador da campaña “Baio ten a pelota” que se celebrará como é de costume a segunda fin de semana do mes de maio. “Houbo total unanimidade polo que o Concello de Zas encargarase tanto da organización coma dos gastos desta campaña comercial e, pola nosa parte, pedímoslle toda a colaboración posible e animámolos a que participasen na campaña o maior número de comercios posible”; indica Manuel Muíño, Alcalde de Zas. “Agardamos que para a próxima campaña comercial haxa unha nova directiva na Asociación de Empresarios Comarca de Soneira que se encargue da organización do evento tal e como o viña facendo ata o momento co apoio do Concello de Zas”, recalcou Muíño.

Aínda que a economía atravesa momentos difíciles en todo o territorio nacional, o Alcalde de Zas recordou que Baio segue a ser un referente comercial para toda a Costa da Morte. Unha mostra diso é que no último ano freouse a tendencia demográfica e tan só hai un habitante menos en todo o municipio con respecto ao ano anterior. “Segundo os datos do INE – Instituto Nacional de Estadística -, o noso municipio rexistrou nos últimos anos un saldo vexetativo negativo dunhas 180 persoas. Este ano foi de tan só unha persoa, o que indica que aínda que os falacementos continúan superando ao número de nacementos mitigamos este efecto con novos empadadroamentos que se rexistraron principalmente na parroquia de Baio”, sinala o rexedor.

Asociación de Empresarios Comarca de Soneira

Por outra parte, o Alcalde de Zas anima aos empresarios/as a que formen unha nova directiva e que a Asociación de Empresarios Comarca de Soneira continúe dinamizando a actividade empresarial da zona. Así mesmo, ofreceulle a colaboración do Concello de Zas en todo o posible tal e como vén facendo até o de agora. Está previsto que a mediados do mes de abril se celebre unha nova xuntanza co propósito de formar unha nova directiva.