O Concello de Zas felicita as cantareiras e a poesía popular oral por que se lle adique o Día das Letras Galegas 2025 e ofrece a súa colaboración á RAG

07/05/2024

 

O Concello de Zas, a través do seu Alcalde, Manuel Muíño, felicita as cantareiras a a poesía popular oral despois de que a Real Academia Galega – RAG – dese a coñecer esta mañá a decisión de adicarlle o día das Letras Galegas do 2025. Neste sentido, Muíño ofrécelle á RAG toda a colaboración para a celebración dos diferentes actos na honra a Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía), e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e Manuela Lema Villa (Mens, Malpica) falecidas todas hai máis dunha década e que foron trasmisoras da música e da poesía popular. 

Enrique Labarta Pose, as cantareiras e Antón Tovar foron os tres candidatos para as Letras Galegas 2025. Neste sentido, Manuel Muíño aproveita a ocasión para lembrar que dende o Concello de Zas seguiranse a organizar diferentes actividades co fin de continuar coa divulgación da figura e da obra de Enrique Labarta Pose e conseguir que no 2026 teña o seu propio Día das Letras Galegas. 

Dende hai uns anos o Concello de Zas, en colaboración con outras entidades do municipio, ten en marcha unha potente campaña a través da cal se lle quere rendir homenaxe a un dos nosos veciños máis ilustres. “Sería para nós unha honra que Labarta teña o seu propio Día das Letras Galegas polo que seguiremos traballando para que así sexa”, manifesta Manuel Muíño. 

Nos vindeiros días, o Concello de Zas poñeranse en contacto coa Real Academia Galega para facerlle chegar a súa colaboración.