Co fin de adaptarnos aos novos criterios de xestión de residuos que indican tanto dende Europa como desde a Xunta de Galicia, o Concello de Zas implanta o colector marrón de uso exclusivo para os residuos orgánicos. Diversos estudos indican que case a metade do lixo que se produce no fogar é materia orgánica.
O colector marrón comezarase a implantar a principios do próximo ano no noso municipio. Unha das súas particularidades é que este será un depósito pechado polo que para facer uso del será necesario ter unha chave. Para iso, dende o Concello de Zas buscamos familias que desexen implicarse neste novo proxecto de recollida selectiva de residuos.
Durante estes meses realizaranse por todo o municipio diversas accións informativas. A primeira delas será o vindeiro domingo, na Praza Jorge Mira Pérez. Coincidindo coa feira de Baio, instalarase unha carpa baixo o nome “Ti Tes a Chave” á que se poden achegar todas aquelas familias que desexen sumarse á campaña. Alí farase a entraga da chave para abrir o colector xunto cun kit de benvida que consta dun cubo de 10 litros, bolsas compostables e un folleto informativo para facer un uso correcto do colector.
Accións informativas nos Centros de Ensino
As sesións informativas estenderanse ao centros de ensino ubicados no Concello de Zas. A primeira será o vindeiro luns, día 18, no CPI de Zas e na que haberá diferentes sesións adaptadas aos diferentes cursos académicos. Ao día seguinte, o martes 19, será a quenda do CEIP Labarta Pose e o día 26 realizaranse as sesións informativas no IES Maximino Romero de Lema.
Que residuos son para o colector marrón?
Os residuos que deben de ir no colector marrón son: restos de froita, verdura, carne e peixe; cunchas de mariscos ou froitos secos, restos de pan, café, infusións, papel de cociña, restos de prantas, cortizas,….
Pola contra, nunca deberán depositarse no colector marrón os envases, cueiros, compresas, bastonciños dos oídos, plásticos ou calquera outro tipo de residuo non orgánico.