O Concello de Zas homenaxea a Domingo Fontán cunha placa nos exteriores do Pazo de Follente

01/19/2025

O recoñecido xeográfo Domingo Fontán ten a súa propia placa nos exteriores do Pazo de Follente. Onte tivo lugar o descubrimento da placa na súa honra nun acto presidido polo Alcalde de Zas, Manuel Muíño; e por Xosé María Lema, promotor desta iniciativa. 

Tal e como destacou Lema, hai constancia de que Domingo Fontán residiu durante uns días no Pazo de Follente antes de partir cara a costa para elaborar a Carta Xeográfica de Galicia. Foi no outono do 1823 e aproveitou a súa estancia  aquí para percorrer distintos puntos da zona que máis tarde trasladou ao seu mapa. Naquel momento o pazo era propiedade do seu amigo Antonio Loriga e segundo indicou Xosé María Lema chegou ata Follente probablemente “buscando refuxio político”.

A Carta Xeográfica de Galicia foi o primeiro mapa realizado en España cunha metodoloxía científica adiantándose á súa época xa que ata 40 anos despois non se elaborou un mapa similar en todo o estado. Adicou 17 anos da súa vida a elaboración desta mapa. Os restos de Fontán respousan no Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela.  

Xosé María Lema agradeceu a asistencia de membros da SEMESCOM, representantes da Comisión Enrique Labarta Pose, de Evaristo Rial así como dos concelleiros asistentes. Destacou tamén o traballo de Tania Carreira, Técnica do Concello, que se encargou do deseño da placa. 

Pola súa banda, o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou a importancia da figura de Domingo Fontán “non só en Galicia se non en todo o Estado”. O rexedor aproveitou a ocasión para agradecer a colaboración da Igrexa para a instalación desta placa e tamén quixo darlle as grazas a Xosé María Lema por promover esta homenaxe.