O Concello de Zas esíxelle a Telefónica que complete o despregue da banda ancha en todo o municipio

11/24/2023

“Acabousenos a paciencia polo que comezaremos a realizar mobilizacións para que Telefónica complete o antes posible o despregue da banda ancha en todo o municipio”. Estas foron as palabras pronunciadas polo Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, despois do encontro que mantivo esta mañá con veciños e veciñas da parroquia de Muíño que veñen de recoller firmas unhas 200 firmas entre a veciñanza da parroquia para reclamar a instalación da fibra óptica. Estas sinaturas presentaranse agora ante a sede de Teléfonica na Coruña e convértese nunha das primeiras accións para acelerar o proceso do despregue da banda ancha en todo o municipio que leva meses de retraso.

Precisamente onte pola mañá, o Alcalde mantivo unha reunión coa Subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, quen manifestou o compromiso do Goberno central a través dos Fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia para a posta en marcha deste Plan Único tanto na adxudicación do Plan 2022 como no 2023 no que se contemplan as actuacións dentro do Concello de Zas.

Ao encontro de onte tamén asistiron representantes da empresa Rede Aberta, adxudicataria do Plan Único 2022, e un veciño da parroquia de Muíño. Segundo explicaron na reunión, Rede Aberta ten o compromiso de levar a banda ancha por toda a provincia da Coruña antes do ano 2025. Esta empresa usa as infraestructuras de Telefónica para facer o despregue da banda ancha en toda a provincia co fin de levala a maior parte posible de núcleos de poboación. Actualmente estanse a realizar os traballos seguindo as instalacións colocadas ao longo da AC-552 e está previsto que nos próximos meses cheguen os traballos a Baio quedando instalada esta conexión en toda a parroquia. Dende aquí levarán a banda ancha ata o núcleo de Zas para estendela as paroquias de Muíño e Gándara. Segundo os técnicos de Rede Aberta estes traballos estarían completados o próximo mes de xuño. 

Retraso de Telefónica

Telefónica é a empresa que dispón das infraestruturas necesarias para completar o despregue da banda ancha que leva un retraso considerable tanto no noso concello como noutros limítrofes. Aínda que Rede Aberta se compromete a levar a conexión a comezos do próximo verán, para o equipo de Goberno do Concello de Zas este prazo non é asumible. Polo que dende o Cocnello de Zas esixiráselle a Telefónica que complete este servizo o antes posible. 

“Despois de máis dun ano de reclamacións, a pasada semana Telefónica ampliou a banda no Parque Empresarial do Allo. Aínda así levaba máis de sete meses sen executar ningún traballo para dar este servizo a veciñanza”, sinala Muíño. Unha das próximas accións que se realizará son reunións coas persoas afectadas para ver cales son as mobilizacións que se realizarán para esixirlle á multinacional que complete o despregue en todo o municipio o antes posible. “Temos varios casos nos que unha casa non ten conexión a banda longa a pesar de pasarlle o cable por diante da porta”, indica o rexedor. 

O Concello de Zas sempre mostrou o seu compromiso coas novas tecnoloxías e no seu momento foi un dos municipios pioneiros na instalación da rede Wimax a través da cal se conseguiu levar Internet sen cables a maior parte das parroquias do municipio aló polo ano 2009.