O Concello de Zas envía dous exemplares do libro “Antoloxía Poética” de Enrique Labarta Pose a todos os centros de Educación Secundaria da contorna

03/13/2024

Durante os próximos días os diferentes centros de Educación Secundaria de toda a Costa da Morte e arredores recibirán dous exemplares do libro “Antoloxía Poética” de Enrique Labarta Pose, publicado recentemente pola Editorial Galaxia en colaboración co Concello de Zas baixo a edición de Xosé Manuel Varela Varela e Xosé María Rei Lema. 

Con esta doazón, o Concello de Zas quere achegar a obra do escritor ao alumnado e continuar coa difusión do traballo deste polifacético veciño.

A “Antoloxía Poética” recolle 40 dos poemas máis relevantes de Enrique Labarta Pose nos que se tratan temas tan actuais como a defensa do feminismo, do galego ou dos animais. O libro tamén está a venda nas principais librarías por 19,50€.