O Concello de Zas abre o prazo para solicitar os permisos das cachelas de San Xoán e San Pedro

05/31/2022

 

O Concello de Zas vén de abrir o prazo para solicitar os permisos para a realización das cachelas de San Xoán e de San Pedro. O modelo de solicitude pódese descargar na Sede Electrónica do Concello de Zas – a través da seguinte ligazón (https://sede.concellodezas.org/opencms/es/procedimientosytramites/tramites/SolicitudAutorizacionHogueras.html ) – e deberá presentarse no Rexistro do Concello de Zas xunto co DNI da persoa responsable – que deberá de ser maior de idade – e coa identificación da parcela na que se realizará a cachela mediante un plano de situación ou a referencia catastral da mesma. As solicitudes deben presentarse antes do día 17 de xuño.

Co fin de evitar accidentes e outros riscos será necesario que haxa sempre xente vixiando a cachela e ademáis deberá de haber auga suficiente a man para apagar o lume en caso de que fose necesario. Unha vez rematada a celebración, deberán apagarse os restos de brasas ata a súa extinción total. Non se aproveitará a cachela para queimar restos domésticos (colchóns, mobles, táboas, roupa,…) nin agrícolas ou forestais nin outros materiais inflamables como rodas, plásticos, aceites,…. Ademais destas, a continuación detállanse as normas básicas de seguridade para a realización das cachelas de San Xoán e de San Pedro:

  • Queda terminantemente prohibido facer fogueiras en espazos públicos; tales como prazas, parques, rúas ou beirarrúas ou noutros que non se autoricen
  • A solicitude deberá acompañarse dun plano de situación do espazo privado ou a referencia catastral onde se realice a cachela, así como a situación de todos os elementos que se coloquen no espazo autorizado
  • Os organizadores deberán coidar os arredores e coñecer o número de teléfono dos bombeiros (080) e de Emerxencias (112)
  • Nas zonas urbanas o volume do combustible non sobrepasará os 3 metros de perímetro nin 1 metro de altura
  • Nas zonas rurais o volume do combustible da cachela non sobrepasará os 5 metros de perímetro/diámetro nin 3 metros de altura
  • A separación entre as cachelas, edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano será como mínimo de 12 metros, excepto no casco urbano
  • A cachela nunca deberá colocarse baixo de tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos corredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables
  • Prohíbese a queima de neumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites e, en xeral, de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico
  • En ningún caso se botarán no lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays) ainda que estean baleiros
  • Prohíbese a colocación e exhibición de pancartas que non estean expresamente autorizadas
  • A hora límite para rematar a celebración é ás 03:30 horas da madrugada, de acordo co horario establecido no Decreto da Xunta de Galicia para a celebración de festas e romarías populares
  • Ao finalizar a cachela e antes de abandonar o lugar da mesma, os responsables coidarán que as cinzas queden totalmente apagadas
  • Será obrigatoria a limpeza do espazo ao remate da actividade, incluídos os elementos utilizados para o desenvolvemento do mesmo, inmediatamente despois de rematar a cachela e/ou sardiñada
  • O desenvolvemento da celebración das cachelas e sardiñadas deberá axustarse ao permiso concedido

Para máis información, as persoas interesadas poden chamar ao 981 708 303 (en horario de luns a venres e de 09:00 a 14:00 horas).