O Concello de Zas abre o 14 de abril o seu primeiro ximnasio municipal

03/26/2023

Para o equipo de goberno do Concello de Zas a promoción do deporte e dunha vida saudable é un das súas prioridades. Así que vén de dar un paso máis neste ámbito e está previsto que o vindeiro 14 de abril se inaugure o primeiro ximnasio municipal que se ubicará no pavillón de Baio.

O ximnasio está equipado con dúas salas; unha de musculación e outra de cardio que en total suman uns 150 m2; así como vestiarios e aseos masculinos e femininos. As instalacións estarán abertas de luns a venres de 09:00 a 22:30 horas e os sábados de 10:00 a 14:30 horas. Tamén haberá un monitor que estará de luns a venres en horario de 16:00 a 22:30 horas e os sábados de 10:00 a 14:30 horas.

Inscricións

Mañá luns, 27 de marzo, ábrese o prazo de inscrición para o uso das instalacións que será gratuíto ata o 30 de xuño. Para inscribirse é necesario completar a ficha de inscrición que se pode descargar na ligazón que atoparás ao final desta nova, indicando o horario de preferencia, e entregala no Centro Sociocultural de Zas ou no Centro Sociocultural de Baio. 

O uso das instalacións está indicado para as persoas maiores de 18 anos e para as de 16 a 18 anos, que deberán estar sempre acompañados/as dunha persoa adulta. 

“Estas son unhas instalacións moi agardadas e coas que se lle facilita a práctica deportiva á nosa veciñanza”, sinala Manuel Muíño, Alcalde do Concello de Zas.