O CIM de Zas atendeu máis de 560 consultas durante o ano pasado

02/24/2023

O Centro de Información á Muller – CIM – do Concello de Zas atendeu ao longo do 2022 un total de 565 consultas sobre diferentes aspectos.

Ao igual que nos anos anteriores, os servizos máis demandados son o asesoramento xurídico e a atención psicolóxica que recibiron 216 e 205 consultas respectivamente. Durante o 2022, o CIM de Zas atendeu a 37 mulleres vítimas de violencia de xenéro e ofreceron información sobre recursos, emprego, formación e outras cuestións a máis de 100 usuarias. 

Ademais das consultas, o CIM organiza ao longo do ano diferentes actividades co fin de fomentar a igualdade entre sexos e loitar contra as violencias. Entre elas están os programas que se realizan ao redor de datas tan sinaladas como o Día Internacional da Muller e o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.  Ademais, dende o CIM de Zas organízanse programas como os Talleres de Memoria ou as actividades para persoas adultas que se desenvolven durante todo o ano (ximnasia terapeútica, zumba, ioga e pilates, cesteiría, bordado,…).  

O CIM de Zas – ubicado no antigo edificio da Cámara Agraria de Zas leva en funcionamento dende o ano 2001, sendo un dos primeiros da Costa da Morte. Este é un servizo municipal totalmente gratuíto que atende a mulleres non só do noso concello se non tamén doutros limítrofes como Vimianzo, Cabana, Laxe e Ponteceso. 

O horario de atención ao público é de luns a venres de 08:00 a 15:00 horas. As consultas poden realizarse tanto de forma presencial como telefónica a través do número de teléfono 981 70 83 03.