Os tres grupos políticos que forman a Corporación Municipal de Zas aprobou durante o Pleno Ordinario celebrado esta mañá unha moción conxunta para que o Centro de Saúde de Baio leve o nome do doutor Manuel Pérez Maroño por ser “un exemplo de humanidade, compromiso e entrega a súa profesión máis aló da súa obriga profesional”.
Esta é a moción conxunta dos grupos municipais do BNG, PP e PSOE para dar nome ó Centro de Saúde de Baio:
MOCIÓN CONXUNTA GRUPOS MUNICIPAIS BNG, PP. PSOE PARA DAR NOME O CENTRO DE SAUDE DE BAIO
O doutor Manuel Pérez Maroño naceu no ano 1930 no lugar de Figueira, pertencente a parroquia de Arcos, no concello de Mazaricos.
Cursou os seus estudos na Facultade de Medicina de Santiago entre os anos 1950 e 1956. Unha vez rematados estes, en novembro de 1957 volve a Mazaricos onde vai prestar servicio médico en diferentes lugares ata que no ano 1958 convertese no médico titular de Dumbría. Posto no que estivo 17 anos.
Foi un médico de atención primaria domiciliaria e de empresa prestando atención médica a pacientes de diferentes concellos da Costa da Morte: Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra, Camariñas, Muxía, Vimianzo, Cabana de Bergantiños, Laxe e Zas. Así mesmo, dende o ano 1960 mantivo un consultorio aberto na súa casa familiar en Baio. Nesta localidade é onde residiu a maior parte da súa vida.
O doutor Maroño exerceu de médico rural durante máis de corenta anos na Costa da Morte. Dedicou a súa vida a atención sanitaria en condicións moi difíciles e con medios limitados veces. A súa entrega e vocación levárono a prestar asistencia médica máis alá das súas responsabilidades. Estaba disposto a trasladarse de xeito urxente a vilas afastadas para conseguir os fármacos que necesitaban os seus pacientes, que, en moitos casos eran vitais para o enfermo.
Don Manolo, nome polo que se coñecía en Baio e arredores, era un gran defensor dos pacientes así como un pioneiro na loita contra as enfermidades laborais. No ano 1958, traballando en Mazaricos e Dumbría atopouse con casos de pacientes con doenzas sen identificar. Nese mesmo ano comezou a identificar estas doenzas como casos de silicose provocadas polo traballo no túnel do Castrelo, sendo un dos primeiros en facelo. A pesar das presións que sufría, o doutor Maroño non dubidou en diagnosticar e denunciar este problema. Axudou tamén aos enfermos e as familias dos falecidos para que puideran cobrar a indemnización e pensión xusta.
A labor do doutor Maroño vai máis alá da labor asistencial, xa que foi uns dos promotores da formación continua de médicos rurais e participou na creación da Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (SEMERGEN). Así mesmo, impulsou a Xunta Comarcal de Médicos de Corcubión. Toda esta labor fixo que o concello de Zas, e en concreto o pobo de Baio, fose o centro de toda esta intensa actividade formativa.
A súa contribución non se limita só o ámbito da medicina, senón tamén ao social, cultural e ao deportivo no pobo de Baio.
O doutor Manuel Pérez Maroño é un exemplo de humanidade, compromiso e entrega a súa profesión máis aló da súa obriga profesional.
Méritos profesionais
– LICENCIADO EN MEDICINA E CIRURXÍA POLA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA (1950-1956)
– MÉDICO DE A.P.D. DOS CONCELLOS DE DUMBRÍA E VIMIANZO (1957-1995)
– PRESIDENTE DA XUNTA COMARCAL DE MÉDICOS DE CORCUBIÓN (1963-1995)
– MEMBRO FUNDADOR E VOCAL DA XUNTA DIRECTIVA NACIONAL DA SOCIEDADE ESPAÑOLA DE MEDICINA RURAL Y GENERALISTA, E PRESIDENTE DA AGRUPACIÓN DA PROVINCIA DA CORUÑA (1973-1995)
– VOCAL DE MEDICINA RURAL DA XUNTA DIRECTIVA DO COLEXIO OFICIAL DE MÉDICOS DA PROVINCIA DA CORUÑA
– PROMOTOR E PRESIDENTE DA XUNTA DIRECTIVA DOS CURSOS DE FORMACIÓN MÉDICA CONTINUADA NA COSTA DA MORTE
– PRESIDENTE DA XUNTA DE PERSOAL DE MÉDICOS FUNCIONARIOS DAS COMARCAS DE SONEIRA E FISTERRA
O portavoces dos grupos:
JOSÉ MANUEL BRENLLA CASTIÑEIRA
DAVID GOMÉZ BRANDARÍZ
SHEILA RIAL MATA