Mañá luns ábrese o prazo de preinscrición nos campamentos de verán organizados polo Concello de Zas e que este ano, como novidade, serán en diferentes localizacións do noso municipio.
As preinscricións poden realizarase ata o día 22 de xuño e ao día seguinte, o 23, ábrese o período de confirmación e formalización das prazas. O número de participantes en cada unha das quendas está limitado e teñen preferencia os nenos e nenas empadroados no Concello de Zas. En todos os casos o horario é sempre de mañá, de 10:00 a 14:00 horas, e o custo é de 10€.
As Torres do Allo acollerán durante os meses de xullo e agosto catro quendas nas que os /as participantes realizarán todo tipo de actividades (deportivas, culturais, manualidades,…). Estes campamentos están dirixidos para os nacidos/as entre o 2010 e o 2019 e estas son as datas de cada unha das quendas:
- I Quenda: do 26 de xuño ao 11 de xullo
- II Quenda: do 12 de xullo ao 28 de xullo
- III Quenda: do 31 de xullo ao 14 de agosto
- IV Quenda: do 16 de agosto ao 30 de agosto
Este ano tamén haberá campamentos multideporte nos que os participantes realizarán diferentes actividades deportivas e que están dirixidos aos nacidos e nacidas entre o 2010 e o 2017. Haberá dúas quendas; unha do 3 ao 7 de xullo no polideportivo de Baio, e outra do 10 ao 14 de xullo no polideportivo de Zas.
Onde preinscribirse?
As preinscricións poden realizarse no Centro Sociocultural de Zas ou no Centro Sociocultural de Baio tanto presencialmente como a través dos números de teléfono 981 751 398 e 981 718 056.