Máis de vinte postos de artesanía, merendas de campo, actuación musical de Ailá e actividades para os máis novos son os pratos fortes da Romaría de San Ramón do Allo

08/30/2023

 

A contorna das Torres do Allo acolle mañá a tradicional romaría de San Ramón do Allo cun completo programa de actividades para todos e para todas organizado polo Concello de Zas co fin de recuperar unha das festas máis populares do noso municipio.

Unha das novidades deste ano é que haberá actividades ao longo de todo o día, e non só pola mañá como viña sendo habitual. A partir das 11:00 horas abrirá o mercado de artesanía no que se baten marcas xa que haberá máis de vinte postos que nos ofrecerán distintos produtos feitos a man: encaixe, xoguetes, instrumentos musicais, bisutería, cesteiría, xabróns,… Os postos estarán abertos ao longo de toda a tarde.

Para os máis novos temos preparadas varias actividades que comezan pola mañá cun obradoiro de barro (a partir das 12:00 horas). Ás 17:00 horas, faremos unha xincana infantil e ás 18:00 horas haberá cantacontos con Paco Nogueiras que será o encargado de poñerlle o broche a esta festa popular.

Ademais, o Concello de Zas acondicionou unha zona para as merendas de campo que se poderá usar de forma totalmente gratuíta. E como non podía ser doutra maneira, non faltará a música que nos chegará a iso das 14:00 horas da man do grupo AILÁ.