Uns 60 produtores de leite e de carne do Concello de Zas asistiron esta mañá á convocatoria do Goberno Municipal para informalos sobre a decisión da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia de incluír ao noso municipio dentro das zonas vulnerables á contaminación por nitratos, presentes no purín.
A sesión comezou coa intervención de Juan Carlos Lauroba, técnico da oficina comarcal de Extensión Agraria de Baio, quen se encargou de explicar en que consiste esta nova medida da Xunta de Galicia e as principais limitacións que supón tales como un rexistro das aplicacións e movementos dos abonos orgánicos, un rexistro dos fertilizantes químicos usados en cada parcela e un caderno dixital da explotación. Unha vez rematada a súa intervención, o técnico da oficina comarcal retirouse da reunión.
A continuación foi a quenda do Alcalde de Zas, Manuel Muíño, quen lles asegurou que “dende o Goberno Municipal esgotaremos todas as vías para reverter esta medida e borrar a Zas desta lista. Se é necesarios chegaremos ata os tribunais e ata Europa”.
Tal e como sinalou o rexedor, o sector agro-gandeiro é un sector clave para o Concello de Zas e por iso “é fundamental a súa supervivencia e por iso nos implicaremos na súa defensa”. De feito, unha das primeiras medidas que xa se adoptou foi o envío dun escrito á Conselleira de Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, na que se lle trasladou o malestar e a confusión do sector agrogandeiro do noso municipio así como a solicitude de información sobre esta medida.
A vindeira semana, o Alcalde de Zas solicitará unha reunión coa Conselleira. Tamén intentará manter unha reunión cos representantes dos demáis concellos da provincia da Coruña afectados por esta declaración; entre os que están Trazo, Tordoia, Santiso, Melide, Moeche, San Sadurniño, Valdoviño, Abegondo, Oza-Cesuras, Carral, Cerceda e Zas.
“O anuncio desta medida está a causar un enorme malestar e incertidume entre os produtores afectados”, sinala o Alcalde. “A todos nos chamou a atención que o noso municipio sexa unha das zonas vulnerables cando tanto na comarca e no resto da comunidade hai outros concellos cunha maior presión agro-gandeira”, indica Muíño.
As persoas afectadas falaron de dúas posibiles hipótesis polas que a Xunta inclúa o Concello de Zas dentro desta lista. Unha, por se un municipio con poucos produtores e que sirva de “espello” para outros. E a segunda hipótese que se barallou é que Zas é unha zona central para incluír nunha soposta rede de prantas de biogás.
Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística – IGE – no Concello de Zas hai un total de 152 granxas cunha media de 40 cabezas en cada unha.