Centos de alumnas e alumnos de diferentes idades do CEIP Labarta Pose de Baio e do CPI de Zas participan estes días nas xornadas de educación viaria organizadas polo Concello de Zas en colaboración coa Policía Local de Zas e de Carnota.
Para iso instalamos no Pavillón Municipal de Baio un circuito no que os escolares aprenden as normas básicas da seguridade viaria dun xeito práctico e divertido. Andrés Alonso, Policía Local de Zas, é o encargado de impartir estas sesións xunto con membros da Policía Local de Carnota. As sesións comezan cunha parte teórica sobre as diferentes sinais horizontais e verticais e, a continuación, vén a parte práctica na que uns exercen de peatóns, outros de conductores e outros de axentes da seguridade. Para iso facilítase diverso material adaptado ás súas idades tales como bicicletas, patinetes, karts e mesmo unha bicicleta específica para nenas e nenos con mobilidade reducida.
Esta mañá desprazáronse ata alí o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, e Pilar García, Concelleira de Educación e Promoción Económica e comprobaron o ben que o estaban a pasar os máis pequenos. As xornadas comezaron o luns e continúan ata mañá mércores que se realizarán en horario de 09:30 a 14:00 horas.