Zas
Santo André de Zas (+ info ampliada) Actualiz. 25/10/2017
POBOACIÓN (2016)
- Toxa (A) 2
- Vilar do Mato 56
- Zas 393
Cando se constituíron os primeiros concellos en 1820, a parroquia de Zas era a capital dun dos tres (Allo, Muíño e Zas) que conformarían o actual territorio municipal a partir de 1836.
Durante o Antigo Réxime pertenceu á xurisdición de Soneira (que era de dominio do rei), acumulativa á de Vimianzo e na que os presenteiros eran os Caamaño de Romelle.
Ten aproximadamente uns 10,2 km2 e é a parroquia do concello que ten lindes co maior número delas. Na paraxe coñecida como a Pedra dos Cregos hai un punto no que conflúen catro: Carreira, polo NE; Lamas, polo NO; Mira, polo L e polo N, ademais da propia de Zas. A moi pouca distancia, polo N, ten tamén a San Cremenzo de Pazos, pero sen tocala. Polo O ten un pequeno treito que linda coa de Vilar. Polo SE estarían Santo Adrián do Castro e San Martiño de Meanos. Polo E están as parroquias de Santa Sabiña, nun tramo moi curto, e Cícere -pertencentes ó concello de Santa Comba-.
Dada a súa forma alongada -desde o concello de Santa Comba ata a parroquia de Lamas-, fai que amose variadas formas de relevo: zonas achanzadas a considerable altura, nos lindes con Santa Comba; pendentes relativamente acusadas, ata Vilar do Mato e terras baixas e chás na parte central e occidental.
Está drenada polo río de Zas -afluente do río do Porto (ou río Grande pola esquerda- e polo pequeno regato de Follente.
Xeoloxicamente presenta formas e estruturas orientadas de N a S seguindo a dirección do pregamento Herciniano, aínda que a maioría das terras do territorio parroquial sería do Precámbrico ou do Cámbrico.Todo este conxunto formaría parte do Complexo de Noia ou Fosa Blastomilonítica.
Conta con tan só tres aldeas: A Toxa, Vilar do Mato e Zas. A súa evolución demográfica foi a seguinte: 11 veciños en 1607, 46 veciños e 159 hab. en 1753, 43 veciños en 1769, 24 vec. e 120 hab. (1836), 26 vec. e 128 hab. (1845), 439 hab. (1928), 636 hab. (1970), 558 hab. (1981), 487 hab. (1991), 497 hab. (2001), 517 hab. (2006), 525 hab. (2011), 471 hab. (2014) e 461 hab. (2015) e 451 hab. (2016)
Presenta un crecemento continuo desde 1900 ata 1960; nos anos posteriores a 1960, despois dun pequeno baixón ata 1991, consegue estabilizarse e mesmo no 2012 tiña máis habitantes que a comezos deste século. Tan só nos catro últimos anos comezou claramente a perder poboación
Respecto ó nome da parroquia e do concello críase que podía proceder do xermánico *SALA ‘pazo, residencia principal’ pero na actualidade hai quen pensa que pode proceder de do latín *SALIX, na súa forma derivada SALICE (salgueiro).
A igrexa parroquial, de 1540, sufriu reformas en 1618 -baixo a dirección de Jácome Férnandez, mestre de obras da catedral de Santiago- e tamén en 1791, 1815, 1838, 1848 e 1987. O campanario data de 1893. Presenta planta de salón formada por unha capela maior cuadrangular e unha nave rectangular. Foi mandada edificar polo nobre Álvaro Núñez de Lamas e conserva os sepulcros pétreos tanto del como da súa nai.
Destacan o altar maior -que conta coas imaxes de Santo André, Santa Bárbara e san Brais– de estilo neoclásico tardío e o retablo pétreo da Virxe do Carme, obra do artista de Sandrexo Francisco Castro Agudín, que aínda conserva algunha traza barroca pero que predominantemente é neoclásico.
Tiveron moita importancia nela a familia nobre dos Lamas, orixinarios da parroquia homónima, que mandaran edificar a igrexa, constituíron os morgados de Sas e Brandomil e acabaron emparentados cos Caamaño de Romelle, que pasarían a ser os presenteiros.
Na zona sueste do adro hai un cruceiro de fermosas trazas contando coas figuras do Cristo e a Virxe do Carme co neno no colo; as figuras foron esculpidas por Francisco Rodeiro, escultor compostelán, en 1857.
No chamado Campo do Carme aséntase a Casa do Concello, que se inaugurou en 1951, despois duns cen anos de trámites, que imita a estrutura das Torres do Allo e que é unha das máis fermosas de toda a Costa da Morte. O mestre canteiro que a construíu foi Severino Abelenda Graíño.
Nas primeiras décadas do século XX contou con dúas feiras: a que se trouxera da Santa (Muíño) e a que se trasladou desde Gontalde (Mira), que perdurou no tempo bastante máis que a primeira.
A destacar como personaxe local a Manuel María Pose de Prado, de Vilar do Mato, emigrado de moi novo á Arxentina, onde se fixo cunha cuantiosa fortuna que a legou logo a obras benéficas, mesmo para a creación dun Colexio Mercantil en Zas que nunca chegou a funcionar.
Non debemos esquecer a Festa da Carballeira, romaría folk coñecida en toda Galicia pola calidade dos músicos que actúan nela e que xa vai polas 34 edicións.
FESTAS:
- 16 de xullo, O Carme
- 30 de novembro, Santo André
- Luns de Petecoste, San Antonio
- Último domingo de agosto, Corpus Christi
- Domingo antes de Pascua, San Lázaro
- 1 de decembro, San Roque
Descargas