Mira
Santa María de Mira (+ info ampliada) Actualiz. 06/12/2017
POBOACIÓN (2016)
- A Costa 6
- Follente 28
- Gontalde 65
- Mira 8
- Rosende 37
- Teixidón 34
- Ventoselo 33
Situada no borde occidental da Serra de Santiago onde, preto da ermida de San Roque, nace o río de Mira, un dos formadores do Río do Porto ou Grande.
Pouco antes de 1867 incorporou ó seu territorio a pequena parroquia anexa de Follente que, non obstante, seguiu tendo actividade relixiosa ata os anos 60 do século XX. Ambas as dúas pertencían ó dominio do Conde de Altamira e eran acumulativas á xurisdición real de Soneira.
Linda polo N e NE coa de Carreira; polo S. SO e O coa de Zas e polo E coa de Santa Sabiña (Sta. Comba). Nun só punto conflúen catro parroquias: Carreira, Mira, Zas e Lamas.
No seu relevo distínguense tres zonas diferenciadas: a alta e amesetada liña de cumes do cordal de Pico de Meda, os fortes desniveis cara ó O deste monte e as terras achanzadas do val de Soneira, polo O.
Sete son os seus núcleos de poboación que agrupan a 210 habitantes (94 menos que no 2001)
Mira é un nome de lugar antiquísimo, procede da palabra perromana*miro ou *mir ‘curso de auga, río’; Gontalde, Rosende e Follente aludirían ó nome de antigos posesores probablemente medievais: Guntaldo, Ronosindi ou Rodosindi e Fulgentii; Teixidón a un lugar con teixos (árbores) e Ventoselo e A Costa terían un significado claro.
Entre 1730 e 1736 está documentada a presenza de dous canteiros de Moraña (Pontevedra) na construción da nave da igrexa: Silvestre e Afonso Diz. A fachada é de finais do séc. XVIII. Entre 1949 e 1960 -e, máis adiante, entre 1972 e 1980- houbo moitas reformas arquitectónicas.
O retablo maior foi, despois destas obras trasladado á capela lateral S, obra de Francisco Castro Agudín, artista de Sandrexo, en 1790. Entre as súas imaxes destacan: A a Anunciación, a Inmaculada, santa Bárbara, san Roque e santo Eutelo.
Nun campo axardinado que hai fronte á fachada da igrexa érguese un fermoso cruceiro, probablemente barroco do séc. XVIII
A antiga igrexa de Follente é de pequeno tamaño e apenas ten interese arquitectónico. Hoxe non se está a usar. A que si se usa é a capela de san Roque do Monte (San Roque do Monte Coroado, segundo documentos históricos), que celebra unha multitudinaria festa de merendas o último sábado de agosto. Véxanse as continuas advertencias do Arcebispado polos excesos culinarios que se cometían en séculos pasados nas pitanzas que organizaban os seus confrades.
Convén recordar que no lugar de Gontalde houbo unha feira chamada Feira Nova que no 1753 aínda non existía pero que no 1798 se intentara suprimir; iso quere dicir que foi creada nesa etapa intermedia. Finalmente foi trasladada para Zas en 1904.
En Follente houbo un antigo pazo hoxe transformado nunha casona cun escudo nobiliario no penal do lado N onde están representadas as familias fidalgas dos Figueroa;, dos Leis, e dos Caamaño
Quizais o feito histórico máis importante acaecido na parroquia sexa o de que nesta casa-pazo foi onde se aloxou o famoso cartógrafo e matemático Domingo Fontán, en decembro de 1823, pois Follente foi un dos primeiros lugares 4 para a elaboración do seu magno mapa “Carta Geométrica del Reino de Galicia”, rematado en 1834 e editado en París en 1845.
Seria interesante que por parte da administración se deixase constancia física deste feito realizado por unha das poucas persoas que está soterrado no Panteón de Galegos Ilustres en Santiago.
Festas:
- Candeas ou Santa Ana, 2 de febreiro,
- Virxe do Perpetuo Socorro, 15 de maio,
- San Xoán e o Sacramento,24 de xuño,
- San Antón, 25 de xuño,
- Santa Bárbara, 9 de setembro,
- Virxe de Fátima, 13 de setembro,
- A Inmaculada, 8 de decembro,
- Santa Lucía, 13 de decembro,
- San Pedro, 29 de xuño (na antiga parroquia de Follente),
- San Roque do Monte, último sábado de agosto.
Descargas