Meanos
San Martiño de Meanos (San Martiño) (+info ampliada) Actualiz. 21/02/2017
POBOACIÓN (2016)
- A Atalaia 4
- As Edreiras 7
- Froxán 12
- Langueirón 100
- Maxín 0
- Meanos 176
- Rial de Arriba 39
- San Martiño 18
- Vila 99
- Vilar de Lamas 34
- Total: 489 persoas
San Martiño de Méanos é a parroquia máis extensa do Concello de Zas e conta cos seguintes núcleos de poboación: A Atalaia, As Edreiras (que civilmente pertence a Meanos e eclesiasticamente a Santo Adrián de Castro), Froxán, Langueirón, A Mámoa, Maxín, Meanos, Rial de Arriba, San Martiño, Vila e Vilar de Lamas que no ano 2016 contaban con 489 habitantes en total.
A súa igrexa parroquial, cuxas formas responden á arquitectura barroca do séc. XVIII, atópase no centro da parroquia e chama a atención pola súa fachada que é toda de cantería, polo seu prebisterio e mais polo seu retablo barroco-rococó. No seu exterior foi descuberto no ano 1990 durante unhas obras de restauración da igrexa un santo Cristo xigantesco que fora enterrado, posiblemente ao ser retirado do culto,baixo o chan dunha das construcións acaroadas á igrexa, seguramente con motivo dunha transformación que sufriu a igrexa nos anos finais do s. XVIII. Trátase dunha imaxe pétrea de 1 m. 43 cm. de altura crucificado con tres cravos sobre unha cruz que xa non se conserva.
Consideramos que esta figura foi esculpida a mediados do séc. XVII e pódese encadrar dentro do estilo barroco, a pesar de que aínda se aprecian nela características moi acentuadas do estilo anterior. É unha peza única na Terra de Soneira que destaca sobre todo polo seu tamaño.
O achádego foi recibido con moita ledicia e agarimo polos veciños e veciñas de Meanos, tomándoo como algo propio da parroquia, destinando para o seu culto o mesmo lugar onde se atopou (unha caseta) e mesmo lle crearon unha festa popular, que se celebra o domingo seguinte ao 5 de xuño.
Mención especial merece tamén o couto e pazo das Edreiras, onde confluíron os apelidos fidalgos dos Bermúdeze dos Leis, presenta unha aparente planta en -L- e no seu interior destaca a cociña, coa súa lareira, e a antiga tulla, hoxe reconvertida en sala de estar.
Un feito histórico curioso en Meanos foi o preito que orixinou o millo vido de América entre dous veciños «innovadores» e outros 28 que se senten prexudicados, feito do que se fala nun curioso documento de 1684 e que foi publicado polo historiador xalleiro B. Barreiro Mallón, no seu libro La Jurisdicción de Xallas en el siglo XVIII (1978).
Cómpre lembrar a popular banda de música que houbo en Meanos (polos anos corenta e cincuenta) conformada por veciños desta parroquia e das da contorna, case todos eles labregos de profesión e que amenizou moitas das festas da redonda.
FESTAS:
- 19 de marzo, festa de San Xosé
- 13 de xuño, festa de San Antón
- 10 de agosto, festa da Virxe do Carme
- 11 de agosto, festa do Sacramento
- 11 de novembro, festa do patrón San Martiño
- 13 de decembro, festa de Santa Lucía
Descargas