Inicio » Zas polo Miúdo » Brandoñas

Brandoñas

Brandoñas (Santa María) (+info ampliada) (Actualiz. 29/11/2016)

POBOACIÓN (2016)

Borreiros 25
Os Currais 20
A Gris 8
Os Pedrouzos 13
A Xestosa 12
Total: 78 persoas

 

Santa María de Brandoñas, topónimo de orixe prerromana, que inspirou a Eduardo Pondal e deste xeito, a maxia da poesía permite ao bardo bergantiñán transformar este topónimo nun bravo, rexo e forte guerreiro celta.

«Brandoñas amigo,

do corpo lanzal

cal pino que erguido

na pendente está;

ouh, recio Brandoñas,…”

Polo sur ten o encoro da Fervenza, no río Xallas, que asulagou unha boa parte das súas terras e ao oeste coa parroquia de Baíñas pertencente ao Concello de Vimianzo. Conta cunha escasa densidade de poboación debido, en parte, a que varios dos seus lugares quedaron baixo a auga cando se construíu o encoro (1965). No ano 2015, contaba con 85 habitantes.

Nesta parroquia merece especial mención a igrexa parroquial de Sta. María de Brandoñas, situada na zona máis elevada do lugar da Gris. Trátase dun templo de gran simplicidade arquitectónica cuxa parte máis interesante é a fachada que acubilla unha imaxe pétrea da Virxe, a patroa da freguesía, posiblemente barroca, do séc. XVIII. En canto ao interior, o que máis nos chama a atención son dous retablos pétreos (séc. XVIII), situados a un e a outro lado da nave no seu primeiro tramo, de trazas claramente barrocas.

En canto ao cruceiro do lugar de Gris, a escasa distancia da fachada da igrexa, situado nunha pequena praza formada no medio deste lugar, destaca polo seu longo varal. Resulta difícil encadrar as súas esculturas nun estilo artístico e nunha época. É posible que a súa feitura se remonte ao séc. XVIII. Debemos valorar este cruceiro como unha clásica obra naíf dun anónimo canteiro ou escultor rural. Na sinxeleza e na traza esquemática das figuras está o seu encanto.

É esta unha parroquia rica en mámoas, de todas elas salientamos a Mina do Cotón nos Currais, xa que é a mámoa de maiores dimensións do concello e das mellor conservadas.

 

FESTAS:

  • 15 de agosto, Nosa Señora
  • 16 de agosto, Santo Antonio e San Roque
  • Maio, Ascensión. Non adoita haber verbena, unicamente o xantar familiar en cada casa

 

 

Descargas