Historia de Zas
A historia oficial do concello de Zas, segundo as actas municipais
Coma a inmensa maior parte dos demais concellos españois, o de Zas conformouse en 1836, pero pouco podemos saber dos 16 seus primeiros anos de existencia, de 1836 a 1852, debido a que ou non se fixeron ou non se conservaron as actas municipais destes anos. Tampouco sabemos o nome dos alcaldes que seguiron ó primeiro, Antonio Fernández, nome que coñecemos por un documento do Libro 2º de Fábrica de Zas-Vilar 1798-1868(Lema Suárez 1993-III: 540).
A partir de 1852 xa temos actas municipais. Deste xeito, trataremos deste ano de dar unha visión histórica do que aconteceu na vida oficial do concello ata os nosos días. Non vai ser unha historia completa, por causas que iremos apuntando e tamén porque, ademais dos 16 primeiros anos, tamén faltan as actas dos períodos seguintes: dos anos 1853 e 1854, do 18.12.1856 ó 21.9.1877, do 30.12.1883 ó 1.7.1885, de 1896, do 27.12.1898 ó 30.7.1901, e do 21.3.1931 ó 4.2.1933. En parte son explicables estas «ausencias» se temos en conta que a Casa do Concello non vai ser fixa ata 1951, e as oficinas municipais «viaxaban» temporalmente para a casa ou cara á parroquia que lle conviñese ó alcalde ou, ó que aínda podería ser máis importante, á casa do secretario municipal.
Procuraremos facer amena esta nosa historia oficial botando man de curiosas anécdotas -copiadas ó pé da letra en moitos casos, e respectando a particular ortografía do castelán de cada época que, dalgún xeito, nos deben ilustrar sobre as preocupacións domésticas e as disputas políticas dos tempos xa idos ou dos aínda recentes.
Para facilitarmos a lectura, repartimos a información facilitada polas actas municipais en tres apartados:
1) Asuntos de interese político e anécdotas curiosas.
2) Evolución dos presupostos e dos soldos.
3) A historia interminable da construción da Casa do Concello.
Convén advertir que as informacións referidas ás comunicacións, sanidade, educación e cultura xa os incluímos nos seus apartados correspondentes.
Descargas