Entregados os 1.500€ en premios da campaña Baio ten a Pelota

07/06/2023

 

Sara Suárez Pardiñas e Juan Manuel Lamela Domínguez foron os gañadores dos cheques de 1.000 e 500 euros, respectivamente, que sorteou o Concello de Zas entre todas as persoas que fixeron as súas compras na campaña comercial “Baio ten a pelota”, celebrada no pasado mes de maio e que nesta ocasión estivo organizada polo concello. O sorteo realizouse nun acto aberto ao público que fixo o pasado 21 de maio na Praza Jorge Mira Pérez coincidindo coa feira mensual.

Os afortunados teñen de prazo ata o 31 de outubro para canxear o seu premio. Poden facelo en calquera establecemento comercial de todo o Concello de Zas coa única condición de gastar un importe mínimo de 50€ e un máximo de 150€ en cada comercio.

O Alcalde de Zas, Manuel Muíño, foi o encargado de facer a entrega dos premios nun acto que tivo lugar onte á tarde no Salón de Plenos do Concello de Zas. Muíño aproveitou a ocasión para explicar que a entrega non se puido facer efectiva ata que estivera formado o Goberno Municipal, despois das pasadas eleccións municipais.

O Concello de Zas asumiu a organización desta edición despois de que a Asociación de Empresarios Comarca de Soneira quedase sen directiva. Foron moitas as persoas de toda a comarca as que se achegaron ata Baio durante a segunda fin de semana de maio para aproveitar os descontos ofrecidos polos comercios, degustar a ruta de tapas e participar nas diferentes actividades organizadas co fin de incentivar o consumo no comercio e na hostalería local.