Ducias de cometas voarán mañá na praza do Concello de Zas contra a violencia machista

11/24/2022

 

As nenas e nenos do CPI de Zas e do CEIP Labarta Pose voarán mañá ducias de cometas que levan escrita unha mensaxe de esperenza a todas as vítimas da violencia machista: “Voa lonxe do maltrato”.

Serán todas de cor violeta e realizáronas ao longo desta semana nos obradoiros impartidos en cada un dos centros de ensinanza. 

O acto, que está aberto a toda a veciñanza, será a partir das 10:00 horas na praza do Concello de Zas e nel participarán tamén o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, membros do goberno local e persoal municipial. 

Máis actividades do 25N

Esta é unha das actividades organizadas polo Concello de Zas ao redor do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres que se celebra mañá 25 de novembro.

As actividades xa comezaron esta mañá co “Ratiño Presumido”, un contacontos teatralizado de Trinke Trinke Teatro que se representou no CPI de Zas e no CEIP Labarta Pose. 

Xa pola tarde, ás 19:45 horas, proxectaremos no Auditorio de Baio o documental “Onde máis doe”, de Xamalú Filmes. Está dirixido ao público adulto e ao remate intervirá a psicóloga do CIM de Zas, Patricia Rodríguez.