ONDE IR
Ruta Brandomil Romano
Brandomil é desde fai séculos un punto destacado nas comunicacións. E é que quen se dirixe a Santiago de Compostela desde Muxía non pode deixar de reparar na ponte sobre o río Xallas. Pero este monumento e toda a súa contorna agocha ducias de segredos.
Aínda que a ponte de Brandomil non é romana, si o son as súas orixes. A aldea garda debaixo das súas terras as ruínas da vila romana coñecida máis occidental do Imperio. Antes diso, Brandomil xa estaba habitado. O castro sobre o río Xallas é o resto que nos queda dunha poboación indíxena que seguramente conviviu coa chegada da nova poboación inmigrante. O nome dalgún destes novos habitantes, chegados do Mediterráneo, quedou escrito para sempre nos monumentos funerarios descubertos. Tamén os seus cultos, nas aras dedicadas aos Lares Viais, á deusa Fortuna ou ao deus galaico da guerra Cosus. Xa desde o século XIX, Brandomil é foco de atención para moitos investigadores que o sitúan na via XX per loca maritima, que unía Braga e Astorga. As últimas excavacións dirixidas por Juan Naveiro sitúan o tamaño da urbe en máis de 20 hectáreas.