ONDE IR
24H. en Zas
Pola mañá
Se só dispós dun día para descubrir o noso municipio, aconsellámosche iniciar a xornada visitando o considerado primeiro pazo de Galicia, Torres do Allo, que che dará a benvida cunha espectacular avenida de carballos centenarios. Torres do Allo non só é un pazo, allí poderás desfrutar dunha contorna natural chea de historia coa súa igrexa renacentista, sos seus hórreos e o seu frondoso souto de castiñeiros.
Moi cerca, no núcleo urbano de Baio, atoparás un espazo natural, a súa carballeira, desde o cal iniciar unha pequena camiñata, bordeando o río Grande, ata chegar á área recreativa de Pedra Vixía. Polo camiño, verás antigos muíños, un rico patrimonio etnográfico en bo estado de conservación. Desafortunadamente, ese non é o estado no que atoparás o Dolmen de Pedra Vixía, restos pétreos de época megalítica localizados a pouca distancia deste espazo de lecer, seguindo a marxe esquerda do río.
Xa de volta ao centro de Baio, e para rematar a mañá, se o desexas, poderás facer as túas compras nalgunha das numerosas tendas da localidade. Logo, aconsellámosche descansar das túas compras en calquera local de hostelería e desfrutar do seu bo e acolledor ambiente. Chegada a hora de xantar, podes elexir entre algún restaurante de Baio, ou se o prefires, desprazarte ata o núcleo urbano de Zas, desde onde partirá o percorrido da tarde. Sexa cal sexa a túa opción, asegurámosche que degustarás os mellores produtos gastronómicos da zona.
Pola tarde
A nosa proposta será dirixirte a un espazo revitalizante despois do xantar, á carballeira de Zas, escenario, cada primeiro sábado de agosto, dun dos festivais de música folk máis importantes de Galicia. Para isto, pasarás por diante da casa consistorial e a igrexa parroquial do século XVI. Despois de tomar aire fresco no medio de este contorno natural de gran valor paisaxístico, é momento de poñer rumbo cara ao sur do municipio, cara á histórica parroquia de Brandomil, con xacementos arqueolóxicos de relevancia. Alí, poderás subirte ao lombo da súa ponte sobre o río Xallas e trasladarte, con imaxinación, á época dos romanos. Daqueles anos son os restos (aras, columnas, ménsulas) que poderás observar paseando polo lugar, xa que foron reutilizados polos veciños para as súas construcións particulares.
Se o desexas e o tiempo non apremia, existe unha ruta deseñada que continúa pola estrada de Muxía para coñecer un dos grandes monumentos megalíticos de Galicia, o Dolmen de Arca da Piosa, visitando primeiro Pozo Limideiro, unha antiga explotación aurífera, probablemente da era romana.
Cando caia a noite e precises coller forzas e descansar, no municipio de Zas atoparás hostais, casas rurais e pensións onde poder aloxarte.