Esta semana rematáronse uns novos traballos que acreditan o compromiso do Concello de Zas co patrimonio. Nesta ocasión, un equipo de arqueólogos, dirixidos por Lino Gorgoso, realizaron diferentes tarefas de limpeza para deixar ao descuberto un tramo do Camiño Real que durante a Idade Media e Moderna enlazaba as localidades de Negreira e Muxía por Brandomil e Baíñas. Trátase da principal vía de comunicación entre Santiago de Compostela e a Costa da Morte ata mediados do século XX. En concreto escavaron unha área de 83 metros situada nas proximidades da ponte de Brandomil cuxos restos xa se localizaran nas catas realizadas no verán do ano 2019.
Tal e como sinalan os arqueólogos, o camiño “está nunhas condicións aceptables de conservación” aínda que se detectaron algunhas reparacións relativamente recentes o cal indica que o camiño estivo ao descuberto parcialmente ata os anos setenta. De feito, algúns veciños e veciñas de Brandomil lembran ir limpalo comunalmente.
O máis sorprendente, e que corrobora o xa identificado no 2019, é a localización de varios tramos de pavimento viario romano de tipo “glarea”, idéntico ao xa identificado na Pedra do Altar. Segundo os experto, esto confirma a orixe romana do trazado, único paso para cruzar do río Xallas ata a Idade Moderna. Tras esta intervención, comprobouse as características da calzada que no tramo escavado consta de cunetas, unha a cada lado, e tres bueiros para drenar a zona. O Concello de Zas contactará nos vindeiros días coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia para analizar a importancia da vía e ver os posibles pasos a dar.
Moitos veciños e turistas xa se achegaron estes días ata a zona para observar os traballos. Ata alí tamén foron o Alcalde de Zas, Manuel Muíño; e o Tenente de Alcalde, José Brenlla, que puideron comprobar a importancia da calzada así como ver os resultados da intervención.
O Concello de Zas investiu nos últimos anos máis de 60.000 euros en diferentes actuacións co fin de conservar, protexer e poñer en valor o patrimonio arqueolóxico que se agocha en Brandomil. Os últimos traballos realizados están financiados polo Concello de Zas coa colaboración da Deputación da Coruña.