Os Concellos de Zas, Mazaricos e Santa Comba xunto coa Deputación da Coruña acondicionarán a senda fluvial do Xallas

04/06/2021

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, reuniuse esta mañá na Casa do Concello de Mazaricos cos Alcaldes de Zas, Mazaricos e Santa Comba para estudar o proxecto de senda polo Xallas que percorería un total de 65,5 quilómetros. Esta é unha actuación que conta cun orzamento de 400.000 euros e coa que se acondicionaría unha senda fluvial a través da beira do río Xallas que poderá ser percorrida na súa totalidade a pé ou en bicicleta.

Na casa do Concello de Mazaricos, o vicepresidente da Deputación da Coruña xunto co alcalde de Zas, Manuel Muíño;de Mazaricos, Juan Blanco; e o de Santa Comba, David Barbeira estudaron o proxecto de acondicionamento da senda fluvial que segundo se recolle no proxecto, percorre un total de 65,5 quilómetros dos que 25,3 pertencen ao concello de Santa Comba, 4,7 ao de Zas e 35,5 ao de Mazaricos e, no seu traxecto inclúense recursos de grande riqueza paisaxística natural, etnográfica e artística.

O proxecto ten un orzamento de 400.000 euros para unha actuación que contempla o acondicionamento de todo o trazado coa roza de malezas e sinalización, ademais da construción de dez pontes peonís colgantes de aceiro galvanizado e madeira. No proxecto tamén se inclúe a instalación de quince paneis informativos, varandas metálicas, carteis e espazos de lecer con mesas e asentos.

A senda do Xallas arranca no Concello de Santa Comba, concretamente na Fervenza de Castriz. Seguindo o curso do río chegamos ata a ponte de Brandomil, xa no noso concello, e dende alí lévanos ata o castro de Brandomil. Dende aquí seguimos o camiño ata a aldea de O Fieiro, que sería o punto final da senda e que está a pouco do mirador do Ézaro e da fervenza do Xallas, xa no Concello de Dumbría.

Os 65,5 quilómetros da senda están cargados dunha extraordinaria riqueza paisaxística natural, etnográfica e artística. Durante a reunión, Xosé Regueira comprometeu o apoio da Deputación da Coruña para o financiamento do proxecto destacando “o interese turístico, patrimonial e tamén económico especialmente nun momento como o actual no que o sendeirismo e, en xeral, o deporte e o turismo ao aire libre toman forza polos efectos da pandemia e que continuará unha vez que rematen as restricións”.