Inicio » Departamentos » Cultura e Deportes » III Premios Fouciño

III Premios Fouciño

O festival de curtametraxes tivo lugar o pasado 30 de xuño e durante a semana previa desenvolverase un programa de actividades paralelas.

Cartel Premios Fouciño

A terceira edición dos Premios Fouciño converteu a Baio, unha vez máis, na capital do sector audiovisual durante a última semana do mes de xuño. O alcalde de Zas, Manuel Muíño; o concelleiro de Cultura, Manuel García; e os coordinadores do certame, entre os que figuran un grupo de mozos e mozas de Baio e arredores, puxeron marcha dunha nova edición dos Premios Fouciño na que contaron tamén coa colaboración da Deputación da Coruña.

Así, durante a última semana do mes de xuño desenvolveuse un programa de actividades paralelas relacionadas co sector audiovisual que culminou o 30 de xuño cun festival de curtas. Manuel Muíño destacou durante o acto de entrega de premios a relevancia deste certame de curtametraxes que, pese a súa curta idade, “conseguiu converterse nun referente no eido audiovisual tanto dentro como fóra da Costa da Morte”.

Os Premios Fouciño teñen como obxectivo premiar os dotes técnicos, artísticos e creativos tanto dos estudantes como de todas aquelas persoas interesadas na creación audiovisual así como para axudar a incrementar a presenza da lingua galega na rede.

 

 

Categorías

A participación divídiuse en dúas categorías; unha para centros de ensino e outra aberta para o público en xeral. En calquera dos dous casos a temática foi libre e as pezas debían ter unha duración máxima de cinco minutos e ser en galego ou posuír os subtítulos en galego.

Entre todas as pezas presentadas na categoría libre seleccionaronse dez curtametraxes finalistas e outras tres de reserva. No caso da categoría para centros de ensino, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos, pasarán á final todas as curtas presentadas.

O xurado da III edición dos Premios Fouciño estivo composto por:

  • Tania Carreira Rial, Técnica de Turismo do Concello de Zas
  • Santi Romay, actor e padriño da III edición dos Premios Fouciño
  • Carmen Rey, realizadora
  • Ramón Lema Martínez, membro do Grupo de Teatro Badius
  • Ana Costa Motes, membro da Asociación Castro Meda
 

 

Premios

En total, repartironse 1.000 euros en premios; dos cales, 300€ foron para a categoría dos centros de ensino e 700€ para a categoría aberta. Ademais, os gañadores recibiron un trofeo. O público tamén emtiu a súa valoración das curtas participantes no certame e o traballo máis votado recibiu un trofeo.

 

 

Premios

  • PREMIO CATEGORÍA ABERTA (700€ + trofeo)

“O silencio das orquídeas”, de Gabriel Bouzas Nieto

 

  • PREMIO CATEGORÍA CENTROS DE ENSINO (300€ + trofeo)

“Irrealidade Definida”, do IES Agra do Orzán de A Coruña

 

  • PREMIO DO PÚBLICO (trofeo)

“A mellor sopa do mundo”, do CEIP Labarta Pose de Baio

 

 

Presentación

O pasado 21 de maio, presentouse nas Torres do Allo a III edición dos Premios Fouciño que veu acompañada dun completo programa de actividades con obradoiros, unha mesa redonda en clave feminina, proxeccións, entrega de premios e un concerto ao aire libre. Todas elas foron actividades de acceso gratuíto e aberto a todos os públicos. O certame arrincou cunha semana do audiovisual que se desenvolveu entre o 25 e 29 de xuño e na que se proxectaron distintas pezas audiovisuais entre as que están Pelegrinaxes; unha longa de Simone Saibene baseada nun libro de Otero Pedrayo; a película Historia dun satélite, na que as irmáns Also Sisters misturan comedia, ciencia-ficción e cine bélico; Costa da Morte de Lois Patiño; Fóra, colectivo na que se narran os fitos da loita contra a contaminación ambiental das multinacionais, as curtas Deuteronomio (de Marta Piñeiro) e Escarabana de Sara Casasnovas e e a premiada Matria, de Álvaro Gago. Xa o sábado, 30 de xuño, foi o día grande dos Premios Fouciño e no que tivemos a ocasión de ver por Baio a moitos dos referentes actuais no panorama audiovisual galego, entre eles Santi Romay, padriño da III edición dos Premios Fouciño. A programación do día 30 arrincou con dous obradoiros (un deles infantil e outro para público maior de 50 anos) e unha mesa redonda feminina composta polas irmáns Also Sister, por representantes da productora audiovisual Illa Bufarda, e por Laura Santos; unha veciña de Baio que vén de gañar a II ediciónda bolsa Nacho Mirás cun documental web sobre os mercados tradicionais galegos e que leva por título Feira.

Ao longo da tarde proxectaronse na Casa Ovidio de Baio as 23 curtas finalistas no concurso que dou paso á entrega de premios. O certame rematou cun festival de música no que actuaron grupos galegos como Músculo, Mounqup, Igmig e Soulmacklein. Todos eles trouxeron a Baio unha música alternativa na que se misturarán ritmos como a electrónica, soul, jazz, reagge,… A terceira edición dos Premios Fouciño estivo organizada polo Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura, xunto cun grupo de colaboradores e colaboradoras de Baio e arredores. Así, durante a rolda de prensa da presentación, o alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, agradeceu o traballo destes voluntarios e asegurou que o goberno municipal apoia as inquedanzas culturais dos nosos veciños e veciñas das que nacen certames como os “Premios Fouciño que pon ao Concello de Zas dentro da Costa da Morte e á propia Costa da Morte dentro do panorama audiovisual galego”. Nesta liña, Muíño asegurou que o Concello de Zas traballará para que festival se consolide e camiñe cara o futuro acadando éxitos como o fixo nas anteriores edicións. Na presentación do festival tamén estivo Santi Romay, o actor malpicán que declarou “estar encantado” por ser o padriño dos Premios Fouciño 2018. Santi, que se iniciou a súa traxectoria con só 13 anos na serie Mareas Vivas da TVG é agora un referente no sector audiovisual galego e que vén de recoller o premio ao Mellor Actor Protagonista dos XXI Premios de Teatro María Casares polo seu papel na obra “O tolleito de Inishmaan”. Santi Romay confirmou a súa asistencia ás distintas actividades programadas para o sábado 30 de xuño. Mabel Montes, en representación do grupo de colaboradores, tamén estivo presentación desta mañá quen destacou que “cos Premios Fouciño queremos que a xente se diverta, ofrecer unha alternativa de ocio sen perder de vista a perspectiva social”. Mabel tamén agradeceu o compromiso do Concello de Zas por asumir a organización deste festival.

 

 

Descargas