Inicio » Departamentos » Cultura e Deportes » Enrique Labarta Pose

Enrique Labarta Pose

Enrique Labarta Pose

Enrique Labarta Pose naceu en Baio o 22 de xullo de 1863. Seu pai, Francisco Labarta Raña, era boticario e na vila aínda queda o testemuño en forma de toponimia que fai referencia á súa profesión. “Os carballos da botica” é o nome co que se coñece a entrada da casa de Labarta na que se conservan estas centenarias árbores.

Este foi un lugar de referencia durante moitos anos xa que aquí celebrábase a coñecida “feira de Tabeirón” e cada 8 de setembro festexábase a patroa de Baio, de aquí o títulos da premiada poesía de Labarta “A festa da Patrona Tabeirón”.

Súa nai, Ramona Pose Pardiñas, descendía dos Condes de Andrade, poderosos señores da Idade Media. Na súa casa natal ainda se poden ver os escudos fundados nos primeiros anos do século XVIII por don Juan Pose de Andrade e Figueroa.

Labarta estudou bacharelato no Instituto de Segunda Ensinanza de Santiago, rematando no ano 1887. Nese mesmo ano matricúlase na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, seguindo así os pasos dos seus predecesores. Tal e como el indica no seu conto El fabricante de palillos, “seguí esta carrera, por rutina y sin vocación, porque otros amigos míos la seguían. ¿A dode vas, Vicente? ¡A donde va la gente! Y ahora veo, que he equivocado el camino”. A pesar disto, o poeta licénciase no 1884 casando nese mesemo ano coa santiaguesa Rosa Elisa Martínez del Río.

No ano 1899 ingresa como Oficial de Facenda en Pontevedra grazas a Eduardo Vicenti, a que Labarta lle dedica o libro Bálsamo de Fierabrás como agradecemento. No 1902 ascende a oficial de cuarta clase da Administración de Contribucións de Pontevedra por intervención de Eduardo Iglesias Aniño, a que lle adica o libro Adormideras. Poesías festivas. Ao longo da súa vida laboral foi ascendendo ata o posto de Xefe de Negociado de terceira clase da Inspección de Facenda da provincia de Barcelona. Viviu en distintas cidades desprazado por causas laborais.

Labarta falece o 13 de maio de 1925 no Hospital Clínico de Barcelona debido as feridas causadas polo descarrilamento dos ferrocarrís de Las Planas, o 9 de abril. A pesar da operación e da leve melloría sufrida uns días antes, o vate non chegou a cumprir os 62 anos.

Uns anos antes, publicaba en El Eco de Galicia de Buenos Aires a composición poética ¡Que me enterren aló!:

Queo morrer na terriña,
na casa que dende eiquí vexo
e-os ollos dá y-alma erguerse
antre pinos e loureiros,
no valle de Bergantiños
y-o pe do monte Castelo,
e que me levan a coba
núnha caixa d´ameneiro

– – – – – – – – – – – – – – –

¡Ai, por Dios, meus amiguiños,
si por fado do Perello
morro lonxe da terriña
anque sexa por correio
mandádeme a miña aldea.
¡Si eiquí me enterran toleo!
¡Non me acostumo antre mortos
que non falan o gallego!

Toda a prensa catalana e galega fíxose eco da súa morte. Nos artigos publicados recordábase como un dos mellores e máis celebrados poetas humorísticos de Galicia.

A súa obra

Unha parte da produción literaria de Enrique Labarta Pose quedou dispersa nas páxinas das distintas publicacións periódicas coas que colaboraba. A outra está recollida en distintas obras, todas esgotadas e sen contar cunha reedición. O labor de Labarta como escritor non se limitaba só ás terras galegas, senón que a súa colaboración era demandada en publicacións españolas e suramericanas. Algunha das súas obras máis destacadas son:

  • Ultima Novedad. Noventa y nueve céntimos de versos de todas clases y arregladas á todos los gustos, 1884 (poemario en castelán)
  • Bálsamo de Fierabrás, 1889 (poesía en galego e castelán)
  • Millo Miúdo, 1896 (poesía en galego)
  • O carnaval de 1900 en Pontevedra, 1900 (reseña sobre as festas do entroido e un apropósito carnavelesco)
  • Adormideras, 1902 (poemario en castelán)
  • A Festa da Patrona de Tabeirón, 1903 (poesía premiada nos xogos florais do Círculo Católico de Obreros de Pontevedra que se celebraron no mes de Agosto de 1903)
  • Cuentos humorísticos, 1905 (narrativa en galego e castelán)
  • Poesías en gallego y castellano, 1929 (edición póstuma)

 

Coñecido como o Quevedo galego, Enrique destacou pola súa obra narrativa, poética e teatral, en galego e castelán e chegou ao seu público a través do humor. Caracterízase polo uso da ironía, a tenrura e delicadeza, o enxeño e a gracia, a fluidez da forma e a transparencia do pensamento.

Enrique Labarta Pose foi laureado nun gran número de ocasións polos seus poemas cheos de humor e ironía, acadando numerosos premios de honra e primeiros premios, así como varios accésits. Deixou unha fonda pegada tanto na súa vila natal como no resto do territorio galego e español, así como un bo número de anécdotas que coñecemos grazas a súa obra.

 Labarta tamén destacou pola súa afección fotografía: “hay que reconocerle como el más hábil e ingenioso de los que cultivan el arte fotográfico, al que se dedica desde hace algún tiempo”. Pero Labarta Pose non só cultivou a arte da fotografía, senón que foi pioneiro no seu uso nun medio impreso de ámbito galego. De feito, o seu propio retrato, autoría de Francisco Zagala, que ilustra a portada do primeiro número de Extracto de Literatura, está documentado como a primeira fotografía impresa da historia en Galicia.

Outro acontecemento pioneiro no territorio galego foi o emprego de fotografías nos anuncios publicitarios na revista Galicia Moderna.

Enrique Labarta promocionou e deu a coñecer o fonógrafo, un dos grandes descubrimentos do século XIX. Fíxoo recorrendo varias poboacións de Galicia, León e chegando ata algunha cidade de Portugal.

Folleto informativo

O Concello de Zas editou no mes de xuño de 2022 un folleto informativo no que se inclúe información sobre a vida e obra de Enrique Labarta Pose así como toda a información sobre o Roteiro Literario de Enrique Labarta Pose incluído no “Proxecto Roteiros” do Consello da Cultura Galega.

O folleto distruibuise por diferentes puntos de interese turística do noso municipio e da comarca e están a disposición de toda a veciñanza no Centro Sociocultural de Zas e no Centro Sociocultural de Baio.

O Alcalde de Zas, Manuel Muíño, entregoulle en persoa varios exemplares deste folleto ao Presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, con quen mantivo un encontro no mes de xullo de 2022.

Xornada “As pegadas de Enrique Labarta Pose”

O 29 de outubro de 2022 celebrouse a xornada “As pegadas de Enrique Labarta Pose” na que diferentes expertos analizaron desde outros puntos de vista a obra de Enrique Labarta Pose. 

“A historia non lle dou o lugar que merecía e dende o Concello de Zas, coa colaboración de diferentes expertos, queremos poñer no seu sitio a figura de Enrique Labarta Pose e reivindicar que a Real Academia Galega lle adique o seu propio Día das Letras Galegas”. Así comezou o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, a inauguración do evento no que participaron unha cincuenta persoas de diferentes ámbitos, entre eles profesores e profesoras da zona. 

Xosé María Lema, Catedrático en Historia e Xeografía, foi o encargado de falar do contexto histórico da época de Labarta e que en gran medida trasladou a moitas das súas publicacións nas que fala sobre o caciquismo e outras inxustizas sociais da súa época. Tal e como se dixo na xornada, Labarta Pose foi escritor, xornalista e fotógrafo. Como escritor, unha das facetas máis coñecidas del, abarcou os tres xéneros literarios: poesía, narrativa e teatro e destacou polo humor e a sátira coas que escribiu. Ademais desta característica; Xosé María Rei, Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa, falou do poeta social que se agocha en moitas das obras de Labarta. “A súa faceta humorística é moi coñecida pero tamén ten un compoñente social moi importante”, descatou Rei Lema quen enunciou as obras a través das cales Labarta falou de temas como o maltrato animal, o feminismo, o caciquismo e a defensa do idioma. 

Debido ao seu traballo, Labarta viaxou por diferentes cidades nas que deixou unha fonda pegada. E unha delas foi Pontevedra. De analizar o seu paso pola cidade encargouse Milagros Bará, escritora e cronista local. En Pontevedra, onde hoxe en día aínda se conserva unha rúa adicada a el, viviu entre 1894 e 1902 e aquí casou e desenvolviu unha parte moi importante da súa faceta de escritor, xornalista e fotógrafo. Rodeouse dun gran círculo de amigos e relacionouse con relevantes persoeiros o que o levou a introducir na cidade de Pontevedra grandes inventos como o fonógrafo. Para Bará, a obra de Labarta ten un forte compoñente musical e incluso se atreveu a recitar un dos seus poemas a ritmo de rap.

Ricardo García Mira, Catedrático en Psicoloxía Social, falou sobre a pegada psicolóxica de Enrique Labarta Pose na que fala en múltiples ocasións da súa relación emocional con Galicia, do amor materno, da igualdade entre homes e mulleres e doutros valores que se reflicten nas súas obras. 

O encargado de rematar a quenda das intervencións foi Xosé Manuel Varela Varela, Licenciado en Filoloxía Hispánica, e que lle mandou aos asistentes ler entre todos o poema “A festa da patrona de Tabeirón” para despois analizalo en detalle.  

Un coloquio no que participaron todos os relatores e conducido por Jorge Mira, Físico e Catedrático de Electromagnetismo, serviu para pechar as xornadas nas que todos e todas coincidiron en reivindicar para Enrique Labarta Pose o seu propio día das Letras galegas. Manuel Muíño, Alcalde de Zas, encargouse de pechar as charlas da mañá onde asegurou que o Concello de Zas continuará realizando diferentes accións de divulgación da figura de Labarta. Durante o peche o rexedor tamén asegurou que dende o Concello estudiarase a posibilidade de recompilar as diferentes obras labartianas para a súa posterior publicación. 

Roteiro literario

A xornada continuou pola tarde, momento no que o forte temporal de choiva e vento amainou para que os participantes puidesen percorrer diferentes lugares do Concello de Zas aos que, dunha forma ou doutra, Enrique Labarta Pose fixo referencia nas súas obras. Xosé María Lema guiou o roteiro polas terras baiesas, Evaristo Domínguez fixoo en Zas e Tania Carreira en Brandomil. 

No Centro Sociocultural de Baio está exposto de forma permanente unha boa parte do legado de Enrique Labarta Pose que dende hai uns meses as familias Rojo Valiña e a de Ramón Romar cederon ao Concello de Zas para a súa difusión, análise e exposición. Aquí está tamén polo momento outra exposición itinerante formada por oito paneles móbiles na que se percorre a vida e obra de Labarta e que proximamente visitará outros centros de relevancia da provincia. 

Na canle de Youtube do Concello de Zas podes ver as diferentes intervencións:

  • Acto inaugural e Xosé María Lema: https://youtu.be/PkX29Di6j1g
  • Xosé María Rei Lema: https://youtu.be/5kjXG_ixcUo
  • Milagros Bará: https://youtu.be/wITUG_MYkdk
  • Ricardo García Mira: https://www.youtube.com/watch?v=ng6Ep5rGcLg
  • Xosé Manuel Varela Varela: https://youtu.be/zC9tzulSfGU
  • Debate e clausura da xornada: https://youtu.be/9UGdWRuEbEY

Roteiro Literario de Enrique Labarta Pose

Dende o mes de marzo de 2022, a obra de Enrique Labarta Pose forma parte do “Proxecto Roteiros” impulsado polo Consello da Cultura Galega que ten como obxectivo dar a coñecer os recursos culturais e paisaxísticos de Galicia a través da vida e obra de escritores. O roteiro literario de Enrique Labarta Pose foi deseñado polo Concello de Zas e céntrase na Costa da Morte. A través del percorremos 21 espazos biográficos e literarios relacionados coa figura do escritor baiés. O itinerario arrinca no Centro Sociocultural de Baio, onde está exposto de forma permanente unha boa parte do  seu legado con obras inéditas. Continúa pola súa casa natal, a igrexa vella de Baio, o monte Castelo e dende aquí parte os municipios de Vimianzo, Camariñas, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Corcubión, Carballo e Muxía. En total son uns 250 quilómetros que se recomendar percorrer en coche en dous días.

O itinerario pode consultarse na páxina web do Consello da Cultura Galega onde están tamén outros 30 roteiros e 16 guías de autores como Castelao, Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Álvaro Cunqueiro, Antonio Fraguas, Manuel Curros Enríquez, Ramón Otero Pedrayo, entre outros. 

O itinerario presentouse nun acto que tivo lugar o 11 de marzo de 2022 no Centro Sociocultural de Baio e ao que asistiron un gran cantidade de veciños e veciñas e de persoas relacionadas coa figua de Enrique Labarta Pose. Durante o acto interviron Manuel Gago, recoñecido xornalista e director do proxecto “Roteiros da Cultura Galega”; Jorge Mira, en calidade de Presidente da Comisión Labarta Pose; Ricardo García Mira presidente do Instituto de Estudos e Investigación Psicosocial “Xoán Vicente Viqueira” e membro da comisión; Rosario Álvarez Blanco, Presidenta do Consello da Cultura Galega e membro da Real Academia Galega; e Manuel Muíño, Alcalde de Zas.

Enlace ao roteiro: http://roteiros.culturagalega.gal/autores/ficha/20

Exposición itinerante

Exposición itinerante Enrique Labarta Pose

Coincidindo co 158 aniversario do seu nacemento, o 24 de xullo de 2021 inaugurouse no Paseo Fluvial de Baio unha exposición ao aire libre sobre a figura de Enrique Labarta Pose coa que o Concello de Zas – promotor da iniciativa coa colaboración da Deputación da Coruña – pretende achegar a súa vida e obra a toda a veciñanza.

Tal e como explicou Jorge Mira, representante da Comisión Labarta, esta mostra súmase á lista de actividades realizadas dende hai máis de vinte anos para reivindicar a concesión do Día das Letras Galegas ó escritor baiés. “Labarta Pose é o gran candidato da Costa da Morte ás Letras Galegas”, sinalou Mira. Foron moitas as actividades que se realizaron ao redor da súa figura impulsadas, na súa maioría, pola Comisión Labarta Pose que está integrada por varias asociacións da vila.

Para Xosé Regueira, Vicepresidente da Deputación da Coruña, esta é unha reivindicación á que debe de sumarse toda a Costa da Morte por ser Labarta Pose unha das figuras literarias máis relevantes da zona. “Oxalá que algún día se faga xustiza e teña por fin o seu día das Letras Galegas”, sinalou Regueira durante a súa intervención no acto de inauguración. Ademáis, aproveitou a ocasión para darlle os parabéns ao Concello de Zas por tomar a iniciativa de realizar esta mostra con carácter itinerante e tamén felicitou ao movemento asociativo de Baio por non deixar no esquecemento a súa historia.

A mostra está composta por oito paneis con fotografías históricas e con textos explicativos sobre a vida e obra do escritor baiés. Para a súa realización contouse coa colaboración de moitas persoas e institucións relacionadas dalgunha forma con Labarta Pose. Entre elas están:

  • Jorge Lens (autor da tese de doutoramento “Los orígenes de la fotografía publicitaria en Galicia: Análisis de muestras y catalogación documental”
  • Milagros Bara (xornalista no Diario de Pontevedra)
  • Sinda Cundíns (directora do CEIP Labarta Pose de Baio)
  • Marisa Roel (unha das primeiras mestras do CEIP Labarta Pose)
  • Museo Provincial de Pontevedra
  • Biblioteca Provincial de Pontevedra
  • Arquivo Provincial de Pontevedra
  • Galiciana-Biblioteca de Galicia
  • Arquivo Municipal do Concello de Pontevedra
  • Arzebispado de Santiago de Compostela.
  • Familia Casa Ovidio de Baio
  • Alberto Villar
  • Carlos Castelao (autor de “Los orígenes de la fotografía en Galicia”
  • Jorge Mira Pérez
 

A exposición de Enrique Labarta Pose nos centros educativos

Despois do seu paso polo Paseo Fluvial de Baio, a exposición sobre a figura de Labarta Pose, promovida polo Concello de Zas, comezou a súa viaxe. A primeira parada foron os tres centros educativos do Concello de Zas para que as alumnas e alumnos do CEIP Labarta Pose de Baio, do CPI de Zas e do IES Maximino Romero de Lema coñeceran a un dos persoeiros máis ilustres do noso municipio.

O 8 de febreiro de 2022 a exposición de Labarta saiu por primeira vez do noso concello e viaxou ata o CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida da Coruña onde estivo exposta durante dez días e que visitaron uns 800 alumnos e alumnas de diferentes niveis académicos. Todos os alumnos e alumnas que visitaron a mostra, guiados polos seus profesores, fixeron un cuestionario específico elaborado por Ricardo Vigeret Gil, docente do IES Maximino Romero de Lema, un autodefinido realizado por Carlos Medrano – xerador de contidos de Aulas Galegas – e recitaron o poema “Non fales o Gallego”. Precisamente neste centro educativo coruñés exerce de mestre o filólogo Xosé Manuel Varela Varela, unha das persoas que mellor coñecen a Labarta despois de realizar a súa tese doutoral sobre o escritor baiés. O material didáctico pódese consultar ao final desta páxina.

 

 O legado de Enrique Labarta Pose

O legado de Enrique Labarta Pose

 

Dende o mes de novembro de 2021 o Centro Sociocultural de Baio acolle unha exposición permanente do legado de Enrique Labarta Pose. Cómprense así as dúas condicións – que estivera en Baio e exposto ao público – que puxeron as irmáns Olga e Teresa Rojo despois de que no agosto cederan ao Concello de Zas a documentación orixinal de Labarta Pose herdada polo seu irmá “Pepe Valiña”. Durante o acto inaugural, o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, resaltou o gran valor histórico desta documentación entre a que se atopan libros do século XIX, revistas, primeiras edicións, recortes de xornais,… O filólogo Chema Rei Lema foi o encargado da catalogación e durante a presentación da mostra – que se pode ver de luns as venres en horario de tarde – debullou algúns dos detalles máis destacados do material. No acto de inauguración tamén interviu Jorge Mira, portavoz da Comisión Labarta Pose – quen asegurou que este era un chanzo máis para que na Real Academia Galega soase cada vez con máis forza o nome de Labarta e conseguir así o merecido Día das Letras Galegas para o escritor baiés. A mostra pódese visitar no horario de apertura do Centro (de luns a venres en horario de tarde).

 

O Concello de Zas recibe o legado de Labarta Pose

 

Nun acto que tivo lugar nos xardíns das Torres do Allo, o Concello de Zas – representado polo seu Alcalde, Manuel Muíño – e as irmáns Teresa e Olga Rojo Valiña asinaron o convenio de cesión da diversa documentación que conservaban despois de que o seu irmán, “Pepe de Valiña”, herdase o legado do Enrique Labarta Pose. Coa firma deste convenio, o Concello de Zas adquiriu o compromiso de expoñer nun lugar público toda a documentación cedida co fin de difundir a memoria e protexer o legado de Enrique Labarta Pose. A cesión inclúe varios libros orixinais de Labarta Pose, tales como “Última novedad”, “Bálsamo de Fierabrás”, “Adormideras”, entre outros; revistas (Galicia Humorística, Pasatiempos, Galicia Moderna,…); mecanoscritos; diversos documentos tales como un poster de Enrique Labarta Pose incluíndo o seu poema “Libertad”, varias tarxetas postais de Jabier Pintos ao escritor baiés, artigos xornalísticos,…; e manuscritos. Chema Rei Lema, un dos filólogos que forma parte da Comisión Labarta Pose e que se encargou da catalogación do legado; e Jorge Mira, portavoz da Comisión Labarta Pose, tamén estiveron presentes na sinatura do convenio.

Descargas