Comezan os campamentos de verán nas Torres do Allo cunha nova marca de participantes

06/25/2024

 

Esta mañá, coa benvida do Alcalde de Zas, Manuel Muíño; comenzaron nas Torres do Allo os campamentos de verán organizados polo Concello de Zas que este ano trae varias novidades.

A primeira delas é a nova marca de participantes, que supera os 250 nenos e nenas que se repartirán nas catro quendas que se realizarán dende hoxe ata finais de agosto. Outra das novidades deste ano é que se ampliaron o número de participantes por quenda, pasando de 45 a 60 participantes co fin de cubrir a maior parte das demandas e darlle así cabida a todo o alumnado que estuda nos centros de ensino do noso municipio empadroados tanto no Concello de Zas como noutros limítrofes, como Vimianzo ou Cabana de Bergantiños. 

Nos campamentos de verán participan nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e todas as quendas desenvolveranse en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas. Sempre e cando o tempo o permita, a maior parte das actividades realizaranse nun dos lugares máis emblemáticos do noso municipio: o pazo das Torres do Allo, onde os participantes poderán desfrutar da natureza e de toda a historia que agocha este espazo. Ademais, realizarán algunha que outra excursión a diferentes puntos do noso municipio.

“Que os nenos e nenas desfruten do noso municipio ao mesmo tempo que a veciñanza poda conciliar a vida laboral e familiar son dous dos obxectivos cos que poñemos en marcha os campamentos de verán que cada ano teñen unha maior demanda”, sinalou o rexedor de Zas, Manuel Muíño. Esta é unha actividade que supón un importante investimento para as arcas municipais, que se encargan de financiar a maior parte do custe da actividade, converténdose así nun dos campamentos de verán máis económicos da zona para as familias.