Capturadas máis de 3000 vespas velutinas en quince días grazas á colaboración dos apicultores e da veciñanza

04/28/2021

Nos últimos quince días capturaronse 3134 vespas velutinas grazas á campaña de trampeo posta en marcha polo Concello de Zas. As cifras, que reflicten a magnitude do problema, son moi superiores ás das campañas anteriores debido á colaboración da veciñanza. A campaña de trampeo contra vespa velutina arrancou no pasado mes de marzo coa colaboración de máis de 120 veciños e veciñas de todas as parroquias e dos apicultores o cal fixo que se aumentara considerablemente o número de trampas distribuídas polas 16 parroquias que forman o noso municipio.

Dende a empresa encargada do control desta campaña – Plaguiber – sinalan que todas estas capturas son, con toda a probabilidade, de raíñas fundadoras polo que se evitará a formación doutros tantos niños.

Ademáis das trampas instaladas pola veciñanza e polos apilcutores tamén se colocaron naqueles puntos máis sensibles e onde se localizaron niños nos anos anteriores como nas beiras dos ríos ou nas zonas con árbores en flor. Todas as trampas – que se renovan cada quince días – están sinalizadas co logo do Concello de Zas e xeolocalizadas co fin de que podamos ver cales son as zonas de maior incidencia desta praga.

O Alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, agradece a colaboración da veciñanza e dos apicultores na loita contra esta praga. Así mesmo recorda que este é o cuarto ano consecutivo que o noso municipio pon en marcha esta campaña co fin de erradicar esta especie invasora. Todas as campañas foron financiadas con fondos municipais cando – segundo sinala Manuel Muíño – “este é un problema que afecta a toda a comunidade e que debería controlarse dende a Xunta de Galicia”.

campaña trampeo vespa velutina  campaña trampeo vespa velutina        campaña trampeo vespa velutina