Nos dous primeiros meses da campaña de trampeo da vespa velutina posta en marcha polo Concello de Zas por sexto ano consecutivo, capturáronse un total de 12.000 vespas de orixe asiática. Unha cifra que dobra a do total da campaña do ano pasado, o cal é unha mostra máis da magnitude desta praga.
Na campaña deste ano, que se prolongará ata finais deste mes, contamos coa colaboración duns 200 veciños e veciñas de todas as parroquias do noso municipio aos que se lle facilitou a comezos do mes de marzo trampas e líquido atraínte. Ademais colocáronse trampas noutros puntos do concello, como as zonas do centros educativos, paseos fluviais e parques infantís, onde cada quince días se renova o líquido atraínte colocado nas trampas identificadas co logotipo do Concello de Zas.
Segundo os técnicos de Plaguiber, empresa responsable da campaña, estes meses son claves para a loita contra esta praga xa que cantas máis raíñas se capturen agora menos niños se formarán nos vindeiros meses. Cabe lembrar, que a Xunta de Galicia é a encargada da retirada dos niños polo que os avisos deben de darse no número de teléfono 112.